Inicio Galicia Galicia Escena Pro selecciona 17 espectáculos galegos e 10 proxectos en formato...

Galicia Escena Pro selecciona 17 espectáculos galegos e 10 proxectos en formato ?Pitching? para a súa sétima edición

0

O mercado das artes escénicas celebrarase do 10 ao 13 de xuño organizada entre a Consellería de Cultura e Turismo e a asociación Escena Galega

A comisión de valoración de Galicia Escena PRO acaba de seleccionar os 17 espectáculos galegos e os 10 proxectos en formato pitching da súa sétima edición, que se celebrará do 10 ao 13 de xuño en Santiago de Compostela. A Consellería de Cultura e Turismo promove este mercado profesional das artes escénicas, que –por primeira vez este ano– está a ser organizado de xeito compartido entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación Escena Galega.

En concreto, a selección deste ano recaeu nun comité profesional nomeado pola devandita asociación de empresas escénicas, que elixiu oito espectáculos para público adulto (A compañeira de piso de Contraproducións, Bernarda de Malasombra Producións, Despois das ondas de ButacaZero-Deputación da Coruña, Dúas donas que bailan de Teatro do Atlántico, Idiota de Redrum Teatro, Involución de Compañía N+1, Liberto de Marelas Producións e O empapelado amarelo de A Quinta do Cuadrante), catro para público infantil (A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza de A Xanela do Maxín, Circopeta de Odaiko, Mai Mai de Baobab Teatro e Ummm!!! de Avento Producións Teatrais), catro de novas linguaxes (A gala de Licenciada Sotelo, As vacacións máis longas de Diego M. Buceta, Deixa de tocala, Sam de AveLina Pérez & Velpister e Pink Unicorns de La Macana) e un de teatro de rúa Ohlimpiadas!!! de Compañía Sincronacidas.

Estes títulos foron elixidos entre 59 propostas recibidas, mentres que para a sesión de presentacións en formato pitching seleccionáronse 10 dos 29 proxectos presentados: C’set pas possible! de Marta Iglesias, Clausura de amor de Cámara Negra Producións, Dreaming Juliet de Elefante Elegante, Ilas desertas de Artesa Cía., Lixo de O Baúl da Tía Tola, Nun cuarto da rotonda de Acusmaster Opus, O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro, O nenos da varíola de Pérez&Fernández, Todas as marabillas do mundo de Producións Dispersas e Voa, voa! de Talía Teatro.

Criterios de selecciónPara tomar a súa decisión, a comisión seguiu varios criterios preestablecidos no sentido de procurar un equilibrio de linguaxes, poéticas e formatos, ademais dunha participación compensada entre compañías de longa traxectoria e de recente creación, abríndolle ás portas a formacións non programadas en anteriores edicións de Galicia Escena PRO. Valorouse, así mesmo, a presenza de mulleres en diferentes responsabilidades artísticas e a profesionalidade na xeración dos proxectos e nos procesos de produción.

A carteleira completarase coa próxima selección dun espectáculo procedente da Comunidade de Madrid, a través do intercambio con MADferia, e de dous espectáculos procedentes das comunidades autónomas que, xunto con Galicia, conforman o proxecto Camiño Escena Norte: Asturias, Cantabria e País Vasco.

A sétima edición de Galicia Escena PRO mantén como prioridade estimular a dinámica comercial do sector, ofrecéndolles ás empresas galegas de produción e distribución escénica un espazo para o encontro con programadores e demais axentes culturais, para os que o prazo de inscrición se abrirá a próxima semana a través de www.galiciaescenapro.gal. Ao tempo, incídese na posta en valor e na proxección social da creación galega coa exhibición dos espectáculos seleccionados en catro escenarios de Santiago: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre