Inicio Galicia Galicia encargará un novo informe ao instituto Salvador de Madariaga para analizar...

Galicia encargará un novo informe ao instituto Salvador de Madariaga para analizar os efectos da negociación do brexit na pesca

0

A conselleira fixo balance cos membros do Consello Galego de Pesca do labor realizado polo sector pesqueiro e as administracións galega e española para que a Comisión Europea valorase a importancia fundamental da pesca no proceso


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe que a Xunta encargará ao Instituto Universitario de Estudos Europeos, "Salvador de Madariaga", da Universidade da Coruña un novo informe sobre a actual situación do acordo do brexit e as posibilidades para conformar o acordo de pesca co Reino Unido. Así o expuxo aos membros do Consello Galego de Pesca no pleno celebrado hoxe en Santiago, que comezou gardando un minuto de silencio polas vítimas dos naufraxios do pasado mes de decembro.

Para iniciar o estudo sobre o brexit a conselleira explicou que é preciso agardar a que se clarifique cal é a situación do proceso no Reino Unido. Este informe sumarase a outro que realizou o Instituto Universitario de Estudos Europeos "Salvador de Madariaga" no ano 2016 por encargo da Xunta e no que analizou as consecuencias do brexit para a pesca galega. Estas accións forman parte da folla de ruta trazada por Galicia para minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros galegos.

Nesta liña, explicou a conselleira, tanto o sector pesqueiro, a través de entidades como a European Fisheries Alliance (EUFA), como as administracións galega e española estiveron a traballar para que a Comisión Europea non relegase a materia pesqueira ás últimas posicións nas conversas entre a Unión Europea e o Reino Unido. Un labor, destacou, que deu como resultado a inclusión da pesca entre as “liñas vermellas” da negociación. De feito, o Tratado de Saída do Reino Unido establece un apartado exclusivo para a pesca, no que a Comisión Europea recolle a necesidade de “atopar un procedemento específico para a fixación e asignación de oportunidades de pesca” durante o período de transición.

Dentro desta tarefa, a conselleira do Mar recoñeceu o labor realizado polo negociador xefe da Comisión Europea para o brexit, Michel Barnier, co que ela e outros representantes de rexións europeas mantiveron unha xuntanza o pasado 19 de decembro en Bruxelas. Neste encontro Galicia preguntou pola situación e a importancia que terá o sector pesqueiro galego tras a retirada do Reino Unido da Unión Europea. Neste sentido, Galicia defende que “a saída de Reino Unido da UE sexa da forma máis ordenada posible e que o Reino Unido acepte o acordo que xa ten definido co comisionado representante da UE”, subliñou Rosa Quintana. A maiores a conselleira lembrou que Galicia defende que se manteña o status quo na pesca e no acceso ás augas e aos mercados.

Por outra banda, os membros do pleno do Consello Galego de Pesca analizaron os resultados das negociacións do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea de decmbro, no que se acordaron os Totais Admisibles de Capturas e cotas de pesca para este ano e a obriga de desembarque de capturas de pesca que recentemente entrou en vigor. Tamén fixeron balance dos resultados das eleccións nas confrarías e federacións provinciais e galega. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre