Inicio Galicia Galicia destaca que o acordo de cotas de pesca para este ano...

Galicia destaca que o acordo de cotas de pesca para este ano supón unha mellora de máis do 16% en relación á proposta inicial da Comisión Europea

0

Os informes levados pola comunidade a Bruxelas contribuíron a mellorar o duro punto de partida das negociacións e a que Galicia manteña case as mesmas posibilidades de captura que en 2019 nas principais especies


A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Pesca no que, entre outros asuntos, se analizaron co sector as posibilidades de pesca acordadas para o 2020 nas negociacións do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea celebrado en decembro do ano pasado en Bruxelas. Nesta xuntanza púxose de relevo que a negociación efectuada neste Consello de Ministros permitiu mellorar en máis dun 16% a proposta inicial da Comisión Europea.

Galicia, a través da conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a este encontro como representante das comunidades autónomas españolas con varios informes socioeconómicos para defender que a xestión dos recursos debe basearse no equilibrio entre os aspectos medioambiental, social e económico.

O aporte deste tipo de argumentos, explicou a titular de Mar, contribuíu a mellorar o duro punto de partida das negociacións e que no global de todos os TAC nos que Galicia ten cotas, se manteñan practicamente as mesmas posibilidades de pesca que en 2019. Das 36 cotas principais que posúe España na área do Atlántico europeo soben 10, mantéñense nove e baixan 17. A maiores, Galicia acadou total ou parcialmente 15 dos 20 obxectivos de importancia sinalados pola comunidade autónoma para outros asuntos tratados no marco do Consello de Ministros como o mantemento dunha bolsa de posibilidades de captura para todos os Estados membros co obxectivo de facer fronte á obriga de desembarque.

Segundo reflicte o informe analizado hoxe co sector, un dos aspectos que permiten o mantemento da actividade da frota galega é o avance na cota de xurelo ao sur de Fisterra, para a que Bruxelas propoñía un recorte próximo ao 50% e que se conseguiu cambiar por un incremento do 24%, na liña do que defendían os científicos. Entre as melloras nos TAC para 2020 tamén está a da xarda, do 41%, un incremento positivo para contribuír a paliar as perdas do cerco e do arrastre, así como das artes menores.

O informe analizado hoxe amosa que entre as especies que baixan está a pescada de Gran Sol pois mantívose a redución do 21% das posibilidades de pesca. Neste caso os informes do estado biolóxico da especie pesaron máis que os estudos socioeconómicos aportados ao respecto, polo que Galicia vai analizar o impacto socioeconómico que este recorte pode provocar así como a incidencia ao tratarse dunha especie que podía servir para intercambios con outros países por outras especies. Ademais a comunidade autónoma galega estará atenta a como evoluciona a actividade no 2020 e traballará para comprobar o impacto que este recorte pode ter no desenvolvemento da frota galega.

Regulamento europeo de controlOutro dos asuntos abordados no pleno do Consello Galego de Pesca foi a modificación do regulamento europeo de control da pesca que se está a tramitar e para o que Galicia considera clave contar cunha proposta común forte, sen fisuras e argumentada. Para iso creou un grupo de traballo no seo do Consello Galego de Pesca e remitiuno a Madrid e a Bruxelas para que sexa tido en conta nas negociacións.

Precisamente, neste Consello Galego de Pesca participou, entre outros, a poñente principal do informe da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo sobre esta normativa, Clara Aguilera, co obxectivo de explicar ao sector pesqueiro galego os puntos principais do regulamento e as súas intencións de cara a esta modificación . A eurodeputada tamén puido escoitar de primeira man o ditame realizado por Galicia ao respecto desta proposta de novo regulamento da Comisión Europea.

A conselleira do Mar mostrou a súa confianza en que con este traballo se conseguirá un bo texto para Galicia pois trátase dunha normativa fundamental para o desenvolvemento da actividade do sector pesqueiro galego. O obxectivo é que queden claras as competencias das distintas autoridades nesta materia e que non engada maiores dificultades e maior burocracia especialmente para a frota costeira artesanal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre