Inicio Galicia Galicia despide un outono con temperaturas cálidas e moi húmido, no que...

Galicia despide un outono con temperaturas cálidas e moi húmido, no que se rexistrou un 44% máis de chuvia do habitual

0

Fronte á situación dos tres últimos anos, marcada polos longos períodos de seca, a comunidade viviu o período outonal máis húmido da última década


Despois de tres anos consecutivos nos que os meses de setembro, outubro e novembro estiveron marcados en Galicia pola seca, as chuvias volveron con forza este outono á comunidade. Segundo o último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a estación foi cálida en canto ás temperaturas e moi húmida no que respecta ás precipitacións, ata o punto de que choveu un 44% máis do habitual en comparación co período de referencia 1981-2010Estas foron as principais características dun outono que, sen embargo, presentou comportamentos moi diferenciados entre os distintos meses. Así, mentres setembro rexistrou en xeral temperaturas cálidas para esta época do ano, outubro e sobre todo novembro presentaron valores máis próximos ao que podería considerarse normal. En todo caso e tendo en conta a estación no seu conxunto, o outono foi cálido en Galicia, cunha temperatura media obtida a partir das estacións meteorolóxicas máis representativas de 14,7 graos, é dicir, 0,24 graos máis do esperado.

Os valores máis extremos deste período se concentraron na montaña ourensá, destacando os 7 graos de temperatura media de Cabeza de Manzaneda, e nas zonas costeiras da Coruña e de Pontevedra, onde chegaron a superarse os 16 graos.

En todo caso, o máis significativo do outono climatolóxico en Galicia foron as precipitacións. Así, despois de tres anos consecutivos nos que a palabra seca estivo invariablemente ligada a esta estación, o período comprendido entre setembro e novembro de 2019 caracterizouse polas intensas e continuas chuvias.

A precipitación media nas 16 estacións máis significativas foi de 584 litros por metro cadrado, o que se traduciu nunha anomalía positiva do 44% con respecto aos valores normais. Estes espectaculares rexistros explican porque Galicia acaba de despedir o outono máis húmido da última década. De feito, hai que remontarse ao ano 2006 –cando choveu un 55% máis do agardado- para atopar unha anomalía pluviométrica aínda máis relevante.

En calquera caso, o comportamento da chuvia tamén foi desigual nestes tres últimos meses. O período comezou cun setembro que se pode considerar normal en canto á cantidade de auga recollida no conxunto da comunidade e unha primeira parte de outubro –aproximadamente ata o día 11- seca. As frontes que alcanzaron a comunidade na segunda metade do mes, sen embargo, equilibraron a situación, contribuíndo a que en xeral outubro acabara sendo un mes normal en moitos puntos de Galicia e húmido nalgunhas zonas.

Novembro foi, en todo caso, o que marcou a diferencia, con precipitacións moito máis frecuentes e abundantes do normal nun mes xa caracterizado habitualmente pola súa alta pluviosidade, o que fai que os valores rexistrados sexan aínda máis relevantes. As anomalías pluviométricas para este período se situaron un 104% por riba do normal en comparación co período de referencia, e nalgúns puntos da comunidade, de feito, chegaron a rexistrarse ata 30 días de chuvia consecutivos.

En canto á distribución zonal, os valores máis altos de auga acumulada concentráronse o pasado outono no oeste da Coruña e na provincia de Pontevedra, onde se chegaron a superar os 1.000 l/m2. No extremo contrario, as cantidades de chuvia máis modestas recolléronse principalmente no interior de Ourense e en zonas do sur de Lugo, con zonas concretas nas que non se chegaron aos 200 l/m2.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre