Inicio Galicia Galicia defende que a UE sexa firme e adopte medidas precautorias na...

Galicia defende que a UE sexa firme e adopte medidas precautorias na protección dos intereses pesqueiros ante o brexit

0

A Consellería do Mar e o Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga analizan os posibles escenarios do brexit ante a súa indefinición e as eleccións europeas


Galicia defende a necesidade de adoptar medidas precautorias por parte da Unión Europea co obxectivo de protexer os intereses marítimo-pesqueiros ante o brexit. A comunidade galega insiste na necesidade destas medidas durante a prórroga para a saída do Reino Unido da UE que vai ata o 31 de outubro de 2019.

Así o reflicte a opinión xurídica do director do Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, José Manuel Sobrino, sobre a situación na que se atopa o proceso de retirada do Reino Unido da Unión Europea en perspectiva marítimo-pesqueira e que é previa ao informe final encargado pola Xunta sobre esta materia.

Este documento foi presentado hoxe polo autor á conselleira do Mar, Rosa Quintana, nun encontro mantido en Santiago, no que ambos afondaron no debate dos posibles escenarios que se abren pola incerteza do brexit e que analiza o informe de Sobrino. Ante esta indefinición e as prórrogas do proceso, a análise defende dar prioridade á seguridade xurídica da UE.

Outra das cuestións nas que fai fincapé o texto de Sobrino, e que se abordou na reunión, é a das eleccións europeas das que xurdirán cambios na composición da Comisión Europea. En relación a este aspecto, o documento advirte de posibles cambios no equipo negociador da CE para o brexit e defende a necesidade de que a UE manteña o actual. Durante a xuntanza, a titular de Mar puxo de relevo esta cuestión para impedir grandes cambios no acordo e manter a capacidade de negociación para que o brexit sexa o máis ordenado posible e que saia en positivo para a pesca galega.

Esta análise xurídica é previa ao enfoque final do estudo sobre o brexit e está condicionada pola indefinición do divorcio do Reino Unido da UE, pois para iniciar o traballo é preciso agardar a que se clarifique a situación, xa que as diferentes alternativas dificultan a orientación concreta do mesmo.

Deste xeito, este traballo súmase á folla de ruta trazada por Galicia para minimizar o impacto do brexit sobre os intereses pesqueiros galegos, un proceso no que a Xunta sempre defendeu un acordo que supuxese o mantemento do statu quo actual, con acceso da frota europea ás augas británicas e ao mercado comunitario por parte do Reino Unido.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre