Inicio Galicia Galicia defende a posibilidade de usar partidas non empregadas do Fondo Europeo...

Galicia defende a posibilidade de usar partidas non empregadas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para minorar o impacto do brexit

0

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar lamenta a incerteza existente sobre este proceso e lembra que a Xunta sempre defendeu a necesidade dun acordo de saída entre as partes

A secretaria xeral técnica, Isabel Concheiro, detallou hoxe no Parlamento todas as xestións realizadas pola Consellería do Mar e pola Xunta na defensa dos intereses do sector pesqueiro galego ante o brexit e lembrou que o Executivo autonómico se puxo a traballar desde o minuto un para obter o maior número de argumentos na defensa dos intereses da frota galega e para minimizar o impacto deste proceso inédito en Europa. Neste sentido, Galicia defende a necesidade de contar con plans de continxencia que inclúan a concesión de axudas á frota afectada por unha posible paralización da actividade en caso dun divorcio abrupto e que se estude a posibilidade de destinar a parte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) non empregada en anos pasados a achegas para minorar o impacto do brexit.

Trátase dunha medida que a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xa lle trasladou á Comisión Europea e que defendeu recentemente nunha sesión extraordinaria sobre o brexit e a pesca celebrada no marco da asemblea xeral da Comisión do Arco Atlántico en Portugal e que dá continuidade ao traballo realizado nos últimos meses neste sentido.

Isabel Concheiro destacou que a Consellería do Mar conta xa con varios informes que avalían as consecuencias do brexit para a pesca galega e o xeito de minimizar o posible impacto en cada pesqueira, pero ten encargado outro estudo ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, da Universidade da Coruña, que se enfocará unha vez que o Reino Unido dea os pasos definitivos para abandonar a Unión Europea.

Neste sentido, a secretaria xeral técnica lamentou a incerteza que prevalece aínda neste proceso e lembrou que a Xunta tamén buscou da man do sector alianzas con outras rexións e estados membros para facer fronte ao brexit ao tempo que creou unha plataforma dixital que xa ofreceu asesoramento personalizado a máis dun cento de empresas afectadas por este procedemento de desconexión do Reino Unido da UE.

Nesta liña, a representante da Consellería do Mar incidiu en que Galicia sempre defendeu a necesidade de contar cun acordo de saída no que a negociación de acceso aos recursos pesqueiros do Reino Unido estea condicionada polo seu acceso ao mercado europeo. En caso de que ese acordo non se producise, a Xunta xa lle propuxo ao Goberno do Estado adoptar as medidas necesarias para que os barcos de bandeira británica e capital galego que faenan no Gran Sol poidan seguir operando con normalidade en portos de Galicia.

Sinalización dos accesos aos portosA presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou, pola súa banda, o estado do proxecto de balizamento dos accesos aos portos nas rías galegas e detallou que en 2020 está prevista a licitación da execución do balizamento na entrada aos peiraos de Corme, Muros e Noia e tamén o inicio do expediente de contratación do documento técnico que permita esa sinalización no resto das rías.

A máxima responsable do ente público subliñou a envergadura do proxecto dadas as excepcionais características do litoral galego, con multitude de obstáculos naturais e a numerosa presenza de polígonos de acuicultura, ao tempo que sinalou que se trata dun asunto no que interveñen numerosos axentes como a Comisión de Faros, as autoridades portuarias, capitanías marítimas, o Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta e as confrarías de pescadores e outras organizacións sectoriais.

A presidenta de Portos de Galicia salientou que o seu departamento leva traballado de xeito continuo co obxectivo de sacar adiante este proxecto e puxo como exemplo da súa complexidade o feito de que tampouco comezou o balizamento da rede litoral das autoridades portuarias galegas que dependen do Estado.

Susana Lenguas tamén respondeu a unha pregunta sobre a facturación de Portos de Galicia por taxas no porto de Cariño e explicou que ascendeu a 544.000 euros en 2018, o que sitúa este peirao no oitavo posto en canto á recadación obtida polo ente autonómico.

Patoloxía do berberechoMentres, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, analizou as actuacións da Consellería do Mar para loitar contra o parasito marteilia, que causa a mortalidade do berberecho, e para mellorar a produción deste molusco nas rías galegas, Neste sentido, destacou que desde 2016 se reduciu a taxa de mortalidade do berberecho por esta patoloxía, o que redundou na mellora da produción marisqueira desta especie.

Non obstante, a representante do Executivo galego lembrou que hai en marcha numerosas accións de investigación que se desenvolverán ata 2021 e que buscan mellorar distintos aspectos como o cultivo de berberecho -coa busca de estirpes máis resistentes a esta patoloxía-, a xestión do recurso e o seguimento desta enfermidade dos moluscos. Estes traballos dan continuidade ao labor xa realizado nos últimos anos con este obxectivo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre