Inicio Galicia Galicia debate con outras rexións europeas sobre a resposta da Unión Europea...

Galicia debate con outras rexións europeas sobre a resposta da Unión Europea á crise da covid-19

0

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou por videoconferencia no primeiro Pleno semipresencial do Comité Europeo das Rexións (CdR)


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe de forma telemática no pleno do Comité Europeo das Rexións, que comezou onte e se prolongará ata mañá. É a primeira vez que se celebra de forma semipresencial con votacións a distancia.

O representante galego defendeu as emendas presentadas pola Xunta de Galicia a tres ditames referidos á protección dos bosques, a prestación de servizos dentro da UE e a calidade do aire.

En total, o CdR ten previsto adoptar oito ditames de opinión, na súa maioría relacionados coa transición ecolóxica como a revisión da normativa europea en materia de augas, a futura lei europea sobre o clima ou a estratexia europea sobre o hidróxeno limpo. Tamén se votarán resolucións sobre a prioridades políticas do propio CdR para o seu sétimo mandato 2020-2025, sobre o programa de traballo da Comisión Europea para 2021 e sobre o Marco financeiro plurianual revisado e o Plan de Investimentos para unha Europa Sostible, o eixo financeiro do Pacto Verde ideado pola Comisión Europea para lograr unha UE neutra en materia de carbono para 2050.

Resposta europea á crise a corto e longo prazoNo debate de onte co comisario de Xestión de Crises, Janez Lenarčič, abordouse o papel da UE na subministración de medicamentos e equipos médicos, principalmente, coa creación dunha reserva común europea a cargo do Mecanismo Europeo de Protección Civil. Para o futuro, a Comisión aposta por reforzar este mecanismo e axilizar a súa posta en marcha para estar mellor preparados ante unha situación similar.

Os membros do CdR deron conta de como municipios e rexións estiveron na primeira liña de atención á crise sanitaria e explicaron como o peche de fronteiras levado a cabo polos Estados membros afectou gravemente a cooperación transfronteiriza. En particular, Jesús Gamallo subliñou esta cuestión na reunión da delegación española reclamando que parte dos novos cartos que se propoñen en materia de política de cohesión vaian parar ás zonas fronteirizas. Neste senso, a delegación española no CdR, composta por representantes de todas a Comunidades e Cidades Autónomas, aprobaron unha posición común na que solicitan ao Comité que defenda un maior apoio ás institucións europeas e que conte coas rexións e ciudades no deseño e posta en práctica das medidas para facer fronte á crise da covid-19, sobre todo no que se refire ao seu impacto económico. A delegación española, no seu conxunto, tamén reivindicou o valor da colaboración rexional para reforzar a capacidade administrativa, optimizar o gasto público, apoiar o emprego, reforzar os sistemas sanitarios públicos e impulsar a transición ecolóxica e dixital.

En canto á resposta a longo prazo da UE, o CdR acolle con satisfacción a proposta da Comisión para o próximo marco financeiro plurianual (MFP) dotado de 1.100.000 millóns de euros e a iniciativa «Next Generation UE» (novo instrumento de recuperación da Unión Europea) por valor de 750.000 millóns de euros. Así e todo, lembra que os entes locais e rexionais son responsables de máis da metade do investimento público, polo que deben contar cunha axuda suficiente para acometer as reformas e investimentos necesarios para a recuperación.

Novo informe da Comisión Europea sobre as consecuencias do cambio demográficoA comisaria de Democracia e Demografía, Dubravka Šuica, presentou o informe que vén de publicar a Comisión Europea sobre os factores que orixinan o cambio demográfico e as súas repercusións en toda Europa. O obxectivo da Comisión é mellorar o coñecemento da situación para garantir que ningunha rexión ou persoa quede atrás, un sentimento que pode levar á perda de fe na democracia. É por iso que a Comisión ten por vez primeira unha vicepresidencia de Democracia e Demografía e que este tema figurará na Conferencia sobre o Futuro de Europa. Aínda que moitas das competencias no eido da demografía está en mans dos Estados membros, a Comisión está disposta a liderar o camiño definindo as cuestións que deban abordarse e apoiando a acción a escala estatal, rexional e local.

O Comité Europeo das RexiónsO Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre