Inicio Galicia Galicia dá un novo paso na tramitación da Lei de impulso demográfico...

Galicia dá un novo paso na tramitación da Lei de impulso demográfico co amparo do 80% das achegas presentadas por entidades e particulares

0

Feijóo di que a lei aspira a ser "patrimonio de todos", tendo en conta que entre os cidadáns e 25 organizacións presentáronse un total de 336 alegacións

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o avance na tramitación da Lei de impulso demográfico que tomará en consideración, precisou, o 80% das achegas presentadas por entidades e particulares.

Logo de que rematase o prazo de exposición pública, Feijóo quixo agradecer o “gran número de achegas” a unha lei que aspira, dixo, a ser “patrimonio de todos”. Non en van, entre os cidadáns e 25 organizacións presentáronse un total de 336 alegacións.

Sobre este punto, o titular da Xunta salientou que as achegas teñen unha orixe “ampla e diversa”: unhas veñen de entidades relacionadas coa atención á infancia; outras de asociacións que traballan no rural; de institucións como a Fegamp; dos partidos políticos; de grupos de investigación universitarios; ou de axentes económicos e sociais, entre outros. Ademais, explicou que a inmensa maioría das alegacións centráronse en cambios de redacción, na ampliación do alcance do que se regula ou en poñer novas actuacións de carácter executivo.

Entre as novidades que se inclúen no articulado, Feijóo destacou a recollida de forma expresa e separada no texto a participación do terceiro sector social nas políticas de impulso demográfico; avanzar na creación de servizos de conciliación nos centros de traballo da Administración autonómica e promover que se poñan tamén en marcha no resto de administración públicas de Galicia; garantir a accesibilidade dos recursos de atención temperá; elaborar unha estratexia de prevención e abordaxe integral da soidade non desexada; e crear un comité de ética dos servizos sociais da Comunidade, un órgano consultivo e colexiado que exercerá as súa funcións de xeito 100% autonómico.

Entre as principais modificacións realizadas en artigos que xa existían, despois de ter en conta as alegacións, cómpre destacar que, en relación á Administración local, considérase o esforzo económico en función da capacidade de cada concello, para que cada municipio desenvolva políticas demográficas na medida das súas posibilidades. Inclúese de xeito expreso que se facilite ás persoas máis vulnerables o acceso á oferta formativa, especialmente das que teñan outras persoas a cargo e incorporaranse na Lei programas de recuperación de vivendas baleiras; e promóvese a participación dos concellos no apoio ás familias monoparentais.

Así mesmo, as prestacións e axudas fixaranse en función da situación familiar e tamén do número de fillos; establecerase unha prórroga dun ano das prestacións en situacións de especial vulnerabilidade; aplicarase un trato diferenciado ás familias con nenos ou persoas dependentes a cargo; estableceranse bonificacións para o transporte; ampliarase ata a maioría de idade dos fillos do persoal do sector público autonómico o acceso á flexibilidade horaria; os programas de acollemento de persoas refuxiadas ou inmigrantes adaptarase ás necesidades específicas do rural; promoverase o consumo de produtos de proximidade nos servizos da Xunta; a teleasistencia avanzada será accesible e adaptada ás circunstancias específicas dos usuarios; e a futura estratexia de impulso demográfico someterase previamente á súa elaboración ao informe do Parlamento.

O documento recollerá ademais o obxectivo de avanzar progresivamente cara á universalización da educación infantil de 0 a 3 anos, un obxectivo no que, dixo Feijóo, a Xunta espera “contar coa implicación do Goberno central”.

Prevese un investimento de máis de 700 millóns de euros ao ano para executar as diversas medidas que contempla o texto e que comezarán a introducirse xa en paralelo á tramitación da lei. “O importante é que Galicia pode converterse na primeira Comunidade Autónoma en ter unha Lei de impulso demográfico”, destacou Feijóo como conclusión, ao que engadiu que “as políticas demográficas non son optativas, son obrigatorias”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre