Inicio Galicia Galicia conta xa coa primeira das cinco patrulleiras previstas no Plan de...

Galicia conta xa coa primeira das cinco patrulleiras previstas no Plan de renovación parcial da frota de Gardacostas

0

A esta embarcación súmase outra xa en construción, dúas que acaban de ser adxudicadas e unha última de altura da que o Executivo galego xa iniciou os trámites para contratar a súa subministración

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe ao acto de entrega da primeira das catro patrulleiras que o estaleiro Rodman Polyships se adxudicou no marco do proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia deseñado pola Xunta. O plan do Executivo galego conta cun orzamento total de máis de 10 millóns de euros entre os anos 2018 e 2020 e inclúe tamén a construción dunha embarcación de altura que substituirá á ‘Paio Gómez Chariño’.

Todas estas unidades son aptas para tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. Neste sentido, a titular de Mar destacou que a mellora dos medios de intervención marítima deste organismo público é unha aposta blindada do Executivo galego e que este plan de renovación parcial da frota vai permitir contar con embarcacións máis modernas e eficientes, o que axudará a avanzar en que a comunidade teña cada vez un mar máis seguro.

A patrulleira lixeira entregada hoxe á Xunta, a ‘Punta Promontoiro’, é a primeira das dúas que se adxudicou por contrato este estaleiro de Moaña en xuño do ano pasado. A súa base estará en Celeiro (Lugo) e relevará á embarcación ‘Pena Trevinca’, con base en Portonovo (Pontevedra), que a Consellería do Mar doará á Cruz Vermella. A segunda unidade incluída nesta licitación, cun orzamento de 1,7 millóns de euros, será entregada nas próximas semanas pois agora atópase en pleno proceso de construción.

O estaleiro Rodman será tamén o encargado de subministrar outras dúas patrulleiras lixeiras para o Servizo de Gardacostas pois acaba de adxudicarse por case dous millóns de euros o segundo contrato realizado polo Executivo galego no marco do plan de renovación parcial da frota do organismo público. Pendente de adxudicar só queda a patrulleira de altura que substituirá á ‘Paio Gómez Chariño’, da que o Consello da Xunta aprobou o mes pasado a licitación do contrato para a súa construción por ata 6,5 millóns de euros.

A conselleira do Mar detallou durante a visita ao estaleiro que a aposta do Executivo galego por mellorar as prestacións do Servizo de Gardacostas queda patente nos orzamentos deste ano cunha suba do 5% nos fondos destinados a este ente público, ata os 14 millóns de euros. Á modernización dos medios do organismo tamén se suman as incorporacións rexistradas nos últimos anos ao seu cadro de persoal, que conta con 42 novos profesionais.

A embarcación entregada hoxe á Xunta é de tipo monocasco e conta cun acabado do máis alto nivel de calidade para os barcos profesionais desta clase. A súa eslora é de 17 metros, ten unha manga de 5 metros e o calado é de 0,9 metros. Entre as súas prestacións está acadar os 36 nós de velocidade máxima, 33 de velocidade cruceiro e unha autonomía mínima a 19 nós de 553 millas náuticas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre