Inicio Galicia Galicia conta con case 4.000 profesionais nos centros escolares dedicados á atención...

Galicia conta con case 4.000 profesionais nos centros escolares dedicados á atención á diversidade, un incremento do 22% en 6 anos

0

Galicia rexistrou no ano 2018 a taxa media anual máis baixa de abandono educativo temperá desde que hai rexistros, un 14,3%, 11 puntos menos que hai case 10 anos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que Galicia conta con case 4.000 profesionais nos centros escolares dedicados á atención á diversidade, o que supón un incremento do 22% con respecto aos 3.225 que había no curso 2013-2014, é dicir, hai seis anos.

Na rolda de prensa tras a reunión do Consello da Xunta, Feijóo debullou os datos do informe ‘Galicia como referente na escola inclusiva. Situación actual e perspectivas’, un documento que permite ao Goberno autonómico facer balance do xa conseguido nestes últimos anos e, ao mesmo tempo, bosquexar os retos para o futuro.

En concreto, a cifra de case 4.000 profesionais dedicados á atención á diversidade engloba principalmente a especialistas en Pedagoxía Terapéutica; especialistas en Audición e Linguaxe; orientadores; coidadores; e especialistas en linguaxe de signos e atención a nenos con discapacidade visual. Neles, engadiu o presidente, tamén se inclúen un total de 30 Equipos de Orientación Específica que son os encargados de avaliar cada caso nos centros educativos. Así mesmo, o titular do Goberno galego avanzou que, tal e como se comprometera no Debate do Estado da Autonomía, xa se incorporou un segundo orientador en cada un dos 20 centros educativos con maior número de alumnos.

Todos estes datos, subliñou, permiten que Galicia continúe a ser a Comunidade máis inclusiva do Estado co 92,7% de Alumnado con Necesidades Específicas de Educación escolarizado en centros ordinarios, segundo os últimos datos do Ministerio de Educación.

Nesta mesma liña, lembrou que, segundo informe PISA, Galicia se sitúa á cabeza de España en competencia científica e nos primeiros postos en matemáticas. De feito, en ambas as dúas competencias sitúase por riba da media de España, da UE e da OCDE. Do mesmo xeito, destacou que Galicia rexistrou no ano 2018 a taxa media anual máis baixa de abandono educativo temperá desde que hai rexistros, un 14,3%, 11 puntos menos que hai unha década.

Pero, ademais de apostar polos profesionais, salientou Feijóo, é preciso promover a súa formación. Neste sentido, lembrou que dentro do Plan de Formación Permanente do Profesorado, destacou que o pasado curso 2018-2019 un total de 186 centros educativos traballaron a liña de escola inclusiva e atención á diversidade e formáronse máis de 16.500 profesores no módulo de Igualdade, Convivencia e Inclusión. Do mesmo xeito, en 2019 instauráronse por primeira vez os premios de Boas Prácticas Inclusivas aos que optaron 45 centros das etapas de Infantil e Primaria e 29 centros de ESO, Bacharelato, FP, Adultos e Educación especial.

Feijóo explicou que a Xunta tamén traballa pola inclusión mediante a colaboración e coordinación cunha trintena de entidades e colectivos especializados na integración de nenos con determinadas condicións ou da atención ás discapacidades físicas e psíquicas, como Down Galicia, Once, Unicef, Amicos, Anedia, Cogami e Paideia, entre outros. Grazas a estes convenios, sinalou o titular do Goberno galego, un total de 1.184 centros e máis de 21.000 alumnos se beneficiaron desta colaboración no curso 2018-2019.

Así mesmo, afirmou que a Xunta conta cunha normativa específica de atención á diversidade e protocolos educativos para a atención á diversidade, como o Protocolo para a prevención e control do absentismo escolar; o de tratamento educativo do TEA – alumnado con trastorno do espectro do autismo; o Protocolo para atención educativa do alumnado con síndrome de Down e/ou discapacidade intelectual; o destinado ao alumnado con discapacidades auditiva; e o Protocolo para atención educativa do alumnado con altas capacidades, entre outros.

Retos de futuroAdemais destes avances, Feijóo referiuse a novos retos para o período 2020-2025 e que estarán enmarcados no programa EduInclusión. En primeiro lugar, referiuse á actualización da actual normativa de Atención á Diversidade e indicou que a día de hoxe hai constituído un grupo de traballo formado por especialistas dos Equipos de Orientación Específica e por inspectores, entre outros, co fin de actualizar toda esta lexislación.

Así mesmo, avanzou que este mes comezarase a traballar na unificación de criterios na actuación dos servizos de orientación. Neste caso, o obxectivo é definir unhas pautas obxectivas en canto á detección, identificación e intervención nos casos de Necesidades Específicas de Atención Educativa.

Tamén salientou que se poñerá en marcha un Plan de choque formativo para as persoas especialistas na atención á diversidade e para familias. O principal obxectivo, concretou, é a actualización científica e específica das persoas especialistas na atención á diversidade.

Para rematar, avogou por seguir avanzando na elaboración de guías e recursos que reforcen a inclusión educativa e a atención á diversidade. E engadiu que se fomentará o deporte inclusivo e se impulsará a especialización dos Centros de Educación Especial.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre