Inicio Galicia Galicia conta co programa de control das zonas de produción de moluscos...

Galicia conta co programa de control das zonas de produción de moluscos máis intensivo de Europa grazas ao traballo do Intecmar

0

O centro dependente da Consellería do Mar realizou en 2019 máis de 85.000 análises e superou as 7.400 resolucións de apertura e peche de zonas ou informes de seguridade alimentaria

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, salientou hoxe no Parlamento que o labor desenvolvido polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) permite que Galicia conte co programa de control das zonas de produción de moluscos máis intensivo de Europa e que poida protexer a saúde pública e a calidade dos produtos galegos do mar. Neste sentido, a representante do Executivo galego subliñou que o centro realizou máis de 85.000 análises en 2019 e emitiu máis de 7.400 resolucións de apertura e peche de zonas e informes de seguridade alimentaria cumprindo en todo momento e adaptándose estritamente ás directrices da Unión Europea en materia de controis.

A titular de Mar lembrou que o Intecmar é un centro de referencia mundial que conta cunha grande e recoñecida experiencia na materia, un feito polo que é unha aposta blindada do Goberno autonómico que queda patente coa tendencia de orzamentos crecentes rexistrada desde 2013. Ademais, destacou a eficacia, axilidade e transparencia do centro, o único laboratorio europeo que ten toda a información en tempo real na súa web a disposición de investigadores e cidadáns.

Neste sentido, explicou que as resolucións de apertura e peche das zonas de produción son publicadas na páxina web do Intecmar no mesmo momento en que son emitidas e notifícanse de xeito inmediato por correo electrónico a máis de 500 destinatarios entre os que se atopan asociacións de produtores de mexillón, confrarías de pescadores, depuradores ou cocedoiros, entre outros.

A conselleira do Mar remarcou ademais que o traballo do centro vai desde sempre acorde coas demandas do sector e da normativa vixente cumprindo todo o establecido en materia de calidade da produción de moluscos e outros organismos mariños así como na protección e mellora da calidade do medio mariño.

Peches e aperturasA representante da Xunta incidiu tamén en que o Intecmar establece os peches e aperturas das zonas de produción en base aos controis que realiza e que, nalgúns casos, pódense decretar peches cautelares por precaución de acordo co propio sector e mantendo o exhaustivo seguimento das zonas que adoita realizar, superando con moito a frecuencia mínima fixada pola lexislación europea dunha mostraxe por semana.

Isto foi o que ocorreu nun recente peche cautelar decretado na ría de Muros e Noia, no que tralo autocontrol realizado pola confraría que mostraba valores superiores ao límite legal se decidiu pechar a actividade de xeito preventivo de acordo co propio cabido a pesares de que as análises realizadas polo Intecmar mostraban valores moi inferiores ao límite legal. De feito, foron ata 13 as análises de toxicidade realizadas nun período de dúas semanas que ofreceron índices por debaixo dese límite, polo que non había risco para o consumidor.

A Xunta considera que o autocontrol é unha boa práctica por parte do sector e complementa os controis oficiais pero lembra que o Intecmar é o laboratorio de control oficial, acreditado desde 1999 e que emprega nas analíticas o método de referencia ao tempo que conta cuns resultados e unha traxectoria que avalan o seu bo facer.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre