Inicio Galicia Galicia completa a súa Oferta de Emprego Público para este ano con...

Galicia completa a súa Oferta de Emprego Público para este ano con 1.461 prazas que responderán ás necesidades asistenciais e organizativas do Servizo Galego de Saúde

0

Feijóo di que se esgotará a taxa de reposición do 100%

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a aprobación do decreto da oferta de emprego público do Sergas que contempla a convocatoria de 1.400 prazas nas que se apostará pola atención primaria en áreas como a pediatría ou a medicina familiar co propósito de seguir mellorando os servizos públicos.

Sobre este punto, Feijóo subliñou que esta convocatoria, que completa a oferta de emprego público para este ano, esgotará a taxa de reposición do 100%. Deste xeito, dixo, serán 7.000 os profesionais que se incorporarán ás institucións sanitarias do Sergas cun emprego fixo desde 2009.

Na mesma liña, o titular autonómico sinalou que o obxectivo é alcanzar no 2020 o compromiso acadado coas organizacións sindicais de situar a taxa de temporalidade no 5%, tres puntos por debaixo da media estatal.

Así, e con respecto á distribución das prazas, concretou que está previsto que se convoquen 512 de persoal licenciado sanitario, 659 de diplomado e formación profesional, e 229 de persoal de xestión e servizos das áreas de administración e hostalería.

De tal forma, abundou, que se reforzará a atención primaria con 116 facultativos e se avanzará na implantación das especialidades de enfermería con 86 postos para enfermería familiar e comunitaria, pediátrica, saúde mental e obstétrico-xinecolóxico. Cómpre salientar tamén que do total de prazas, 98 reservaranse para persoas con discapacidade.

Ademais, a estas 1.400 sumaranse outras 61 de persoal funcionario sanitario da escala de saúde pública e administración sanitaria.

Xa para rematar, o presidente da Xunta lembrou que a OEP para este 2018 con 5.686 prazas para a Educación e Sanidade pública, os Servizos Sociais e a Administración xeral será a maior que se realiza desde o ano 2008. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre