Inicio Galicia Galicia calidade incorpora catro novas empresas alimentarias á marca e aumenta o...

Galicia calidade incorpora catro novas empresas alimentarias á marca e aumenta o número de produtos certificados

0

Viña Costeira, a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Freshcut e Pementos Carmucha incorporáronse á marca dependente da Xunta de Galicia

Galicia Calidade incorporou catro novas empresas do sector alimentario á marca de garantía galega. As empresas Viña Costeira, Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia, Freshcut, e José Manuel Ferro Lago (Pementos Carmucha) acadaron a certificación de Galicia Calidade, dependente da Xunta de Galicia, que avala xa a máis de 120 empresas de diferentes sectores.

No sector vitivinícola, a Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro – Viña Costeira únese ao clube das empresas certificadas coa incorporación de viños elaborados nas súas adegas de Ribadavia e Petín. Pola súa banda, a Confraría de Pescadores San Bartolomé de Noia acadou a licenza de garantía para o berberecho comercializado coa marca colectiva Berberecho de Noia. Rías Gallegas. Pesca Artesanal.

No subsector das froitas, a empresa Freshcut incorporou o selo Galicia Calidade para os seus purés de froita elaborados en Vigo e comercializados coa marca ‘Galifresh’. E no tocante ao subsector das hortalizas, a nova incorporación vén da man da empresa Jose Manuel Ferro Lago, que incorpora o selo de garantía para os seus pementos de Herbón comercializados coa marca Pementos Carmucha.

Ademáis das novas incorporacións, Galicia Calidade suma novos produtos certificados de oito empresas do sector alimentario e hostaleiro que xa contaban co selo de garantía. No sector vitivinícola, ampliaron as súas licenzas Quinta do Buble (Oímbra), Regina Viarum (Sober) e Bodegas Altos de Torona (O Rosal).

Do mesmo xeito, no sector alimentario ampliaron o alcance da licenza os produtos cárnicos de Coren, os iogures e leites fermentados de Larsa, o leite de marca Clesa de Feiraco e diferentes modalidades de conservas de Rianxeira.

No sector da hostalería, súmase á plataforma de Galicia Calidade Lecer o establecemento O xardín de Xulia, un hotel de deseño situado en Santiago de Compostela. O Xardín de Xulia é propiedade da empresa O Curro Bed & Food, que contaba xa con dous establecementos integrados na plataforma Lecer: o restaurante O Curro da Parra e o hotel Pazo de Altamira, ambos situados na capital galega.

Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía. Na actualidade a marca de garantía de Galicia suma máis de 400 produtos e servizos de máis de 120 empresas galegas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre