Inicio Galicia Galicia Calidade certifica a planta ornamental producida pola Asociación de Viveiristas do...

Galicia Calidade certifica a planta ornamental producida pola Asociación de Viveiristas do Noroeste

0

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, fixo entrega dos distintivos de calidade a Asvinor e a nove viveiros que poderán utilizar o certificado de garantía

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través de Galicia Calidade, fixo entrega hoxe do certificado de calidade á Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) para o seu uso na distinción da planta ornamental de Galicia. A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, e o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, foron os encargados de entregar o distintivo a nove viveiros galegos durante a celebración da feira Arco Verde, no recinto feiral de Amio ,e que este ano cumpre o seu décimo aniversario.

Para a certificación deste viveiros Galicia Calidade impulsou xunto con Asvinor, a Fundación Juana de Vega e Agaexar (Asociación de Empresas de Xardinería) a norma de calidade “Pranta Ornamental de Galicia”, unha iniciativa pioneira en España e que permitirá diferenciar un produto dunha calidade tan contrastada e recoñecida nos mercados nacionais e internacionais como é a pranta ornamental galega.

Esta norma pretende homoxeneixar a planta producida en distintos viveiros da comunidade, establecendo un catálogo de producións, incluíndo as producións nas bases de construción e arquitectura da paisaxe e establecendo o distintivo “Planta de Galicia”, que irá acompañado da marca Galicia Calidade.

Entre os viveiros que poderán lucir o distintivo atópanse cinco na provincia da Coruña: Anselmo Lamigueiro Merino, de Viveiros Lamigueiro (Carral), Hortival Narón, Viveros Leboreo (Carballo), Estela Orvi (Teo) e Xardín Senra (Santiago de Compostela). Dous viveiros atópanse na provincia de Lugo: Viveros Cabaleiros (Lourenzá) e Viveros Costa de Lóngaras (Abadín), e outros dous en Pontevedra: Viveros San Campio (Tomiño) e Estelas da Terra (A Estrada). Galicia Calidade conta así na actualidade con máis de 350 produtos e servizos dun total de 107 empresas certificadas.

Segundo indicou a directora xeral, esta entrega é froito do traballo realizado entre a Consellería e o sector nos últimos dous anos para establecer os requisitos necesarios para a certificación dun produto dunha calidade recoñecida e valorada polos consumidores. A creación da norma “Planta Ornamental de Galicia” supón un avance na modernización e internacionalización deste sector.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre