Inicio Galicia Galicia bate en 2018 un novo récord de exportacións, cunha suba do...

Galicia bate en 2018 un novo récord de exportacións, cunha suba do 5,4%, e rexistra a maior cifra de empresas exportadoras da súa historia

0

As vendas ao exterior das compañías galegas sumaron o ano pasado máis de 22.857 millóns de euros, e medraron case o dobre que no conxunto de España


Galicia logrou en 2018 un novo récord de exportacións, superando nun 5,4% o rexistro do ano anterior, e logrando tamén o maior número de empresas exportadoras e empresas exportadoras regulares da súa historia. Así, as vendas ao exterior das empresas galegas sumaron o ano pasado máis de 22.857 millóns de euros, e medraron case o dobre que no conxunto de España, onde se incrementaron nun 2,9%.

Segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas, que superan por primeira vez a barreira dos 22.000 millóns de euros, supoñen un 8% do total das exportacións con orixe en España. Ademais, Galicia pechou o ano coa terceira mellor balanza comercial en termos absolutos, despois de País Vasco e Navarra, cun saldo positivo de 3.835,5 millóns de euros.

Isto é posible en boa medida grazas a que as pequenas e medianas empresas da Comunidade apostan cada vez máis polos mercados exteriores. Nunca antes venderan ao exterior tantas compañías galegas, e así, en 2018 exportaron un total de 7.259 firmas, un 8,1% máis que en 2017. Destas, 2.498 son empresas exportadoras regulares, aquelas que exportaron nos últimos catro anos consecutivos, unha cifra que é un 3,5% superior á do ano anterior.

Cómpre sinalar os incrementos experimentados ao longo do pasado exercicio nas exportacións de sectores como os aparellos e material eléctrico, cun 74,7%; a madeira e as súas manufacturas, cun 11,8%; a metalurxia, cun 9,9%; ou a automoción, cun 8%.

No tocante aos destinos, no pasado ano sobresae a evolución das exportacións cara a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE), cun incremento do 6,6%, a Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP), cunha suba do 12,1%; e o Mercosur, cun crecemento do 22%.

Por países, destacan os incrementos das vendas a Bélxica, cun aumento do 35,2%; Portugal e Polonia, cun 14%; Reino Unido, cun 13,3%; Italia, cun 10,4%; Francia, cun 6%; China, cun 6,7%; e Xapón, cara onde as exportacións se incrementaron nu 6,2% o ano pasado.

Para seguir avanzando neste camiño, no que é fundamental a aposta das compañías galegas pola innovación e pola calidade que acompañan á Marca Galicia, a Xunta continuará a colaborar co tecido empresarial a través da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, para que o tecido empresarial siga medrando e sexa máis competitivo.

Así, mediante os programas do Foexga e do Galicia Exporta, a Consellería de Economía, Emprego e Industria vai investir 11,6 millóns de euros, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1.000 empresas. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre