Inicio Galicia Galicia asesora a Turquía na mellora das capacidades das organizacións profesionais da...

Galicia asesora a Turquía na mellora das capacidades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura

0

A conselleira do Mar participou no acto de lanzamento oficial deste proxecto de irmandamento celebrado en Ankara

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe a aproveitar as oportunidades de colaboración entre administracións e gobernos para aprender mutuamente e puxo como exemplo desta colaboración a que mantén Galicia con Turquía, país ao que asesora de cara a mellorar as capacidades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura. Así o sinalou hoxe en Ankara durante o acto de lanzamento oficial do proxecto de irmandamento entre Galicia e Turquía, denominado Desenvolvemento de capacidades para organizacións de produtores pesqueiros e das Direccións Provinciais de Agricultura en liña coa Organización Común dos Mercados da Pesca e da Acuicultura. Para desenvolvelo, a Unión Europea e a Dirección Xeral de Reforma Agraria da República de Turquía escolleron a Galicia, que conta co apoio loxístico e administrativo da Fundación Internacional y para Iberoamérica de Administración y Políticas Públicas (FIIAPP), pertencente a Cooperación Española e depende da Secretaría de Estado de Cooperación Internacional y para Iberoamérica y El Caribe.

Neste tipo de colaboracións, subliñou Rosa Quintana, é clave “o compromiso que as administracións a cargo das competencias de pesca e de acuicultura teñen cos pescadores e coa sustentabilidade da súa actividade nos eidos ambiental, social e económico”. Neste sentido, puxo en valor a importancia e a influencia económica que ten a pesca, por iso, incidiu, “queremos traballar por facer do noso sector un elemento competitivo e iso é necesario e obrigatorio no gran mercado pesqueiro que é a Unión Europea”. Para iso, subliñou Rosa Quintana, “necesitamos sumar esa competitividade para traballar nos mercados e co sector pesqueiro e nesa tarefa é fundamental o traballo das organizacións de produtores pesqueiros e acuícolas, xa que a súa tarefa de planificar a produción e as vendas é crucial para un bo resultado económico”. Como exemplo puxo en valor o traballo realizado por Galicia durante anos en materia de comercialización e de impulso da organización da produción para mellorar os resultados económicos da pesca e da acuicultura. Un traballo, detallou a titular de Mar, que contribuíu a obter resultados positivos no sector pesqueiro “superando a barreira da exportación de máis de 2.200 millóns de euros de produtos do mar, aumentando a obtención de valor engadido e conseguindo ser a décima exportadora mundial de produtos da pesca, por diante de países como Xapón ou Islandia e chegando cos nosos produtos a 121 países”. Agora, engadiu Rosa Quintana, Galicia é aliada de Turquía compartindo esta experiencia no eido pesqueiro e puxo en valor o compromiso da comunidade autónoma galega coa pesca. Ademais lembrou que 64 das 81 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro, sendo a pesca o cuarto sector con maior presenza na economía galega. En relación a Turquía, a titular de Mar valorou os “grandes esforzos que ao igual que Galicia está realizando en materia de ordenación e control, especialmente na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, un piar fundamental para a competitividade do noso sector”. Por iso, expuxo, este irmandamento entre Galicia e Turquía “servirá para afianzar os lazos de traballo en común de cara a fortalecer as nosas posicións nese mercado común da pesca europea e mundial”. Nesta liña agradeceu o apoio do Goberno de España e da Unión Europea “por sumar esforzos nesta tarefa e outorgar a Galicia esta oportunidade”.

Irmandamento entre Galicia e TurquíaA Unión Europea e a Dirección Xeral de Reforma Agraria da República de Turquía escolleron a Galicia para desenvolver este proxecto de irmadamento en febreiro de 2019. O proxecto ten unha duración dun ano, extensible por tres meses máis, e está dotado cunha contía global de un millón de euros financiados integramente pola Unión Europea. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á preparación das pesqueiras turcas para a aplicación efectiva da Organización do Mercado Común no que respecta á creación de organizacións profesionais da pesca e da acuicultura.

O proxecto foi elixido cunha puntuación de 9 sobre 10 e na súa selección a UE e o Ministerio de Asuntos Exteriores de Turquía tiveron en conta, entre outros aspectos, a experiencia e competencia de Galicia en materia marítimo-pesqueira e especialmente en organización e xestión dos mercados da pesca, as similitudes que existen entre a estrutura pesqueira turca e galega, marcada pola frota artesanal e a dispersión xeográfica dos portos e o coñecemento e experiencia en materia pesqueira e proxectos no exterior do persoal que forma parte desta iniciativa. Antes desta colaboración Galicia xa participara noutra iniciativa de irmandamento con Turquía dirixida pola Secretaría General de Pesca de España para a mellor xestión, ordenación e control da pesca.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre