Inicio Galicia Galicia aposta por facer fronte aos efectos do cambio climático na pesca...

Galicia aposta por facer fronte aos efectos do cambio climático na pesca coa mellora da xestión das cotas de captura

0
image_gallery.jpg

A Xunta avoga por intensificar a busca de solucións urxentes para evitar o progresivo deterioro dos ecosistemas e favorecer o bo estado dos recursos marítimo-pesqueiros


A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Silvia Cortiñas, puxo hoxe de relevo a importancia de intensificar a busca de solucións urxentes para facer fronte ao cambio climático, evitar o progresivo deterioro dos ecosistemas e favorecer o bo estado dos recursos marítimo-pesqueiros. Nesta liña destacou que a Xunta defende a necesidade de seguir traballando para mellorar a xestión das cotas pesqueiras e achegar maiores posibilidades de pesca ao conxunto da frota sempre que o estado dos recursos sexa bo.

Así o destacou durante a clausura do encontro telemático Business2Sea 2020, onde ao inicio da súa intervención trasladou as desculpas en nome da conselleira do Mar, Rosa Quintana, que por cuestións relacionadas co seu labor de Goberno, tivo que anular no último minuto a súa participación neste evento.

A secretaria xeral técnica tamén puxo de relevo a necesidade “de facer un importante esforzo inversor cun amplo respaldo público”. Para iso a convocatoria do Pacto Verde Europeo financiada no marco do Horizonte 2020 “será a pedra angular para a adaptación da economía mariña a esta ferramenta e o impulso que leve á recuperación, convertendo os retos ecolóxicos en oportunidades de innovación”, destacou.

Neste camiño, explicou, “Galicia estará aí”, traballando para responder á crise climática e axudar a protexer a biodiversidade a través da formulación de proxectos de investigación e innovación da man do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar. Ante este fenómeno do cambio climático, engadiu, a Xunta tamén vai responder coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía como instrumento transversal de planificación. Nesta folla de ruta, expuxo, virán marcadas as grandes liñas de acción a seguir por Galicia no horizonte 2050.

Con esta resposta, subliñou Silvia Cortiñas, o Executivo galego busca lograr resultados claros e perceptibles a curto-medio prazo, pero cunha clara perspectiva de cambio a longo prazo. Para iso, indicou, son de gran valor os foros de debate e de posta en común de ideas coma Business2Sea, que remata hoxe e que, coa deste ano, vai pola décima edición, centrada nos desafíos na adaptación da economía mariña ao Pacto Verde.

Esta transformación pasa por identificar novas vías de financiamento, implantar novas tecnoloxías, desenvolver outro tipo de políticas públicas, ampliar a cooperación interrexional ou estreitar relacións internacionais, entre outras cuestións. Con ese obxectivo faise necesario coñecer mellor tanto o escenario da política comunitaria nos próximos anos como a orientación que terán os instrumentos e o uso dos fondos de financiamento europeos para o período 2021-2027.

Business2SeaÉ un evento internacional que desde o 2011 comezou a celebrar anualmente o Fórum Océano, xunto á Asociación Empresarial de Portugal-AEP, co nome Fórum do Mar e que a partir de 2016 pasou a chamarse Business2Sea. Este evento está dirixido a fomentar as relacións entre poderes públicos, empresas, universidades e centros e asociacións de I + D, nacionais e estranxeiros, con actividade en diferentes áreas da economía do mar.

A edición deste ano foi telemática ante a alerta sanitaria pola covid-19 e nela cerca de 600 persoas inscritas abordaron nas tres conferencias e 11 talleres programados cuestións relativas ao financiamento da economía azul e o Pacto Verde Europeo (European Green Deal) proposto pola Comisión Europea en decembro de 2019. Esta ferramenta inclúe unha folla de ruta con accións para impulsar un uso eficiente dos recursos mediante o paso a unha economía limpa e circular, restaurar a biodiversidade e reducir a contaminación. Neste marco a Unión Europea pretende presentar unha estratexia sobre a biodiversidade para protexela. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre