Inicio Galicia Galicia aposta por dotar de recursos europeos ao sector turístico para paliar...

Galicia aposta por dotar de recursos europeos ao sector turístico para paliar as consecuencias do coronavirus

0
image_gallery.jpg

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou hoxe á comunidade galega na comisión de Recursos Naturais do Comité Europeo das Rexións


A comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrou hoxe en formato virtual a súa cuarta reunión do ano, na que participou o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. En total, adoptáronse cinco ditames sobre iniciativas europeas actualmente a debate como ditame “Cara un turismo máis sostible para as cidades e rexións”, no que o CdR avoga pola creación dunha liña orzamentaria específica para o turismo no marco do orzamento 2021-2027 coa que paliar os efectos económicos da pandemia. Segundo o ditame, esta liña orzamentaria e o establecemento dun novo Marco Europeo de Turismo Sostible, constituirían as dúas ferramentas necesarias para que o sector turístico reciba un apoio máis eficaz dende as institucións comunitarias. Os membros de NAT salientaron como a pandemia puxo de manifesto o carácter transversal deste sector, pois o descenso da actividade turística non só afecta a sectores como o aloxamento, a restauración ou o transporte, senón tamén a numerosos ámbitos da economía con alto valor agregado. Galicia contribuíu á redacción este ditame a través da rede NECSTOUR, na que participa a Xunta de Galicia xunto a outras 30 rexións europeas para traballar en favor dun turismo sostible dende o punto de visto económico, social e ambiental. Os representantes rexionais e locais debateron tamén a nova estratexia no eido agroalimentario “Da granxa á mesa” ou a elaboración dunha estratexia comunitaria a longo prazo para a recuperación das zonas rurais. Ademais, analizaron o ditame “Un Mecanismo de Protección Civil da Unión reforzado”, no que se avoga por reforzar a capacidade a curto e a longo prazo da UE para reaccionar ante as emerxencias. Tamén se apela a unha maior flexibilidade para mobilizar as capacidades de RescEU. Este programa, aínda que creado coa intención de facer fronte a catástrofes de índole medioambiental, resultou de gran efectividade na loita da UE contra a covid-19 permitindo, aumentar a reserva de emerxencia de equipos médicos dos países membros e repatriar a miles de europeos aos seus lugares de residencia durante a pandemia.

Galicia na Comisión NAT do Comité Europeo das Rexións Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo o pasado mes de febreiro, Galicia participa nas comisións de Recursos Naturais (NAT) e de Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeos en eidos como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.

O Comité das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre