Inicio Galicia Galicia apoia a internacionalización das empresas galegas con tres liñas de apoios...

Galicia apoia a internacionalización das empresas galegas con tres liñas de apoios que suman 11,2 M?

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias de Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios, cuxo prazo de solicitude se manterá aberto ata o 30 de marzo


A Consellería de Economía, Emprego e Industria mantén o seu compromiso co impulso á internacionalización das empresas galegas e activa este mes tres liñas de axudas cun orzamento de 11,2 M€ -un 40% máis que na anterior convocatoria- co obxectivo de que 1200 pemes poidan acceder e medrar nos mercados internacionais e diversificar os destinos das vendas ao exterior.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as convocatorias para participar en Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Organismos Intermedios que se manterán abertas ata o vindeiro 30 de marzo.

A través da liña específica para proxectos individuais Galicia Exporta Empresas e da destinada a apoiar proxectos colectivos coordinados por agrupacións empresariais Galicia Exporta Organismos Intermedios, impúlsanse tanto actividades de difusión como a participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional. Como novidade nesta convocatoria do primeiro dos programas, engádese a igualdade de xénero como criterio de desempate no caso de que as iniciativas presentadas teñan a mesma puntuación. O Galicia Exporta Organismos Intermedios tamén afonda na dixitalización, e así, entre outras iniciativas, apoiarase a creación de plataformas de comercio electrónico para mercados internacionais.

Este ano súmase unha nova liña, o Galicia Exporta Dixital -cuxo prazo xa está aberto- que conta cunha dotación de dous millóns de euros, e vén dar resposta á demanda crecente das compañías galegas para acometer este tipo de procesos. Apoiarase tanto o deseño de plans de internacionalización dixital e adquisición de software, como a creación e adaptación de tendas e catálogos en liña, campañas de posicionamento en Internet ou outros servizos de soporte das vendas dixitais. As axudas son superiores no caso das pemes, que poden obter ata 100.000 euros (o 80% do investimento subvencionable).

Mediante a anterior convocatoria do Galicia Exporta, a Xunta facilitou apoio directo a 808 pemes, un 73,39% máis que a lanzada en 2018, para desenvolver proxectos de internacionalización ou participar nas accións conxuntas de promoción exterior. Incrementouse nun 42% o número global de plans colectivos de expansión internacional e nun 8% os dirixidos a países non europeos, entre os que destaca Estados Unidos.

Os programas Galicia Exporta e o Foexga están a promover na actualidade 424 accións conxuntas en máis de 100 países nas que participan máis de 1300 pemes galegas. Con eles, a Xunta busca reforzar os resultados das exportacións do tecido empresarial e manter a tendencia dos últimos anos.

Evolución das exportaciónsAgárdase que en 2019 o total das vendas galegas no exterior supere os 21.000 millóns de euros, cifra que se acadou por vez primeira en 2017, grazas aos esforzos das empresas da Comunidade por abrir novos destinos como China, onde as vendas rexistraron unha suba do 28,1% nos primeiros once meses do ano con respecto ao mesmo período de 2018; a Estados Unidos, cun ascenso do 6,1%; e África, cun 7,1%. Xa en Europa, destaca o incremento das vendas a Suecia, que acadou o 13,2%.

Por sectores, no período de referencia as vendas de máquinas e aparellos mecánicos rexistraron de novo un incremento, neste caso do 11,4%; a industria química e a agroalimentaria aumentaron de novo as súas exportacións, con subas do 4,2% e 2,6% respectivamente.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre