Inicio Galicia Galicia apela á unidade entre a administración e o sector para traballar...

Galicia apela á unidade entre a administración e o sector para traballar polo futuro da pesca en termos de viabilidade e sustentabilidade

0

Animou a achegar argumentos e estratexias en conxunto para avanzar na visibilidade da pesca e na concienciación social

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou esta tarde en Burela á unidade entre a administración e o sector marítimo-pesqueiro para traballar polo futuro da pesca en termos de viabilidade e sustentabilidade. Así o trasladou esta tarde na presentación das “XXV xornadas técnicas de Expomar”, que se celebran en Burela hoxe e mañá.

Alí, a titular de Mar animou a achegar argumentos e estratexias en conxunto para mellorar o futuro da pesca e poder avanzar na súa visibilidade e na concienciación social. A conselleira sinalou que “da unidade de acción saen feitos coma estas xornadas, onde o sector plasma as súas inquedanzas e preocupacións como resposta aos retos ou problemas”. Uns retos, incidiu, que a Fundación Expomar traza nos programas das xornadas técnicas para encarar os rumbos que ha de tomar a pesca para garantir o seu futuro.

Ademais, a conselleira puxo de relevo as cuestións de actualidade que se abordarán nas xornadas como son por exemplo os descartes, a comercialización, o brexit, a política pesqueira ou o relevo xeracional, entre outros. Nesta liña, Rosa Quintana, subliñou que “os debates que xurdan nestas materias permitirán extraer conclusións que servirán para plantexar solucións ás inquedanzas que afronta na actualidade o sector”.

Finalmente a conselleira agradeceu á Fundación Expomar a organización destas xornadas que xa “constitúen un referente nacional e internacional na promoción e o desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro e que converten á Mariña lucense nun punto de encontro para os profesionais do sector”.

Nesta liña, Rosa Quintana felicitou aos organizadores polo seu traballo, esforzo e compromiso nos 25 anos de percorrido das xornadas técnicas “por saber escoller cada ano aos mellores relatores, acertar nas temáticas a tratar e por facer que Burela sexa punto de encontro e ponte de entendemento para a pesca nacional e internacional”, rematou.

Encontro Empresarial de Oganizacións PesqueirasAdemais, como actividade complementaria ás xornadas, mañá venres celebrarase o XVII Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras, no que participarán asociacións, confrarías e organizacións de produtores e no que se abordarán asuntos como a xestión das políticas pesqueiras, a trazabilidade dos produtos ou os hábitos de consumo e nutrición, entre outros aspectos. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre