Inicio Galicia Galicia alerta dos bandazos na negociación do brexit e mantén a aposta...

Galicia alerta dos bandazos na negociación do brexit e mantén a aposta por traballar na busca dun acordo pesqueiro a longo prazo que garanta a estabilidade do sector

0

O terceiro informe encargado pola Xunta ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre esta materia apunta á necesidade de que o pacto quede ligado ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado, mantendo unhas relacións pesqueiras semellantes ás actuais

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe sendas xuntanzas de traballo con representantes do sector pesqueiro de Burela e Celeiro para analizar distintas cuestións de interese para as empresas locais entre as que se atopa a negociación pesqueira ante a saída do Reino Unido da Unión Europea. A titular de Mar e os responsables das organizacións pesqueiras da Mariña lucense avaliaron a situación de incerteza actual polo brexit, lamentaron os bandazos do proceso e coincidiron na necesidade de traballar para acadar un acordo de pesca a longo prazo que garanta a sustentabilidade dos recursos e mellore o reparto dos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas.

Durante ambos encontros, nos que tamén participou a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, as representantes do Executivo galego e os responsables das entidades pesqueiras destacaron a importancia de estar alerta ante os efectos do brexit e incidiron na transcendencia de que a actividade extractiva quede ligada ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado. Trátase dunha demanda que permitiría dar estabilidade ao sector e que concorda coas conclusións do último informe elaborado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga por encargo da Xunta sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit.

Este estudo, o terceiro deste tipo que realiza o instituto dependente da Universidade da Coruña para a Administración galega e que foi analizado nos encontros co sector, advirte da necesidade de acadar un acordo de retirada posto que a súa ausencia dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes e derivaría en trabas administrativas, arancelarias e sanitarias. Por iso, aposta por manter unhas relacións pesqueiras semellantes ás actuais pero enmarcadas no dereito internacional e por poñer en relación os acordos xa existentes e os compromisos adquiridos no marco da Comisión de Pesqueiras do Atlántico Noreste (Neafc).

A chave do acordo, salienta o informe da entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e o acceso ao mercado, posto que, subliña, o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e do acceso dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da Unión Europea.

Negociación co Reino UnidoA conselleira do Mar e os representantes do sector pesqueiro lucense lamentaron a incerteza existente na actualidade sobre se haberá acordo ou non, o que complica a planificación da actividade por parte das empresas do sector. Ata o momento xa se celebraron tres roldas de negociación -en marzo, abril e maio- entre o Reino Unido e a UE e este mes comezou a cuarta sen que polo momento se puidese pechar un pacto.

Entre as dificultades que implicaría a non consecución dun acordo de pesca tralo brexit está a ausencia de instalacións e medios humanos para un posto de inspección fronteiriza para os produtos nos portos de Burela e Celeiro así como para realizar outros controis laborais e fronteirizos de persoas. Do mesmo xeito, deberíanse ditar as instrucións pertinentes para o control dos buques de bandeira británica que atraquen neses peiraos.

A consecución dun acordo pesqueiro entre a UE e Reino Unido ten especial importancia para os portos de Galicia posto que a comunidade conta con intereses e capital en preto de medio cento de buques de bandeira británica e de Malvinas, dos cales máis de 30 faenan en augas europeas e son susceptibles de efectuar desembarques de peixe fresco ou conxelado en peiraos galegos, entre eles os de Celeiro e Burela.

A titular de Mar abordou esta e outras cuestións cos representantes de Armadores de Burela SA (ABSA), da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e da confraría de pescadores de Burela nunha primeira xuntanza e con membros da Organización de Produtores Pesqueiros de Celeiro, de Puerto de Celeiro e da confraría de pescadores local na segunda. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre