Inicio Galicia Galicia acumula nove meses consecutivos por riba do millón de afiliados e...

Galicia acumula nove meses consecutivos por riba do millón de afiliados e sitúase como a quinta comunidade na que máis baixa o desemprego

0

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado e destacou que Galicia conta con 4710 parados menos que hai un ano situándose en cifras moi inferiores ás de hai once anos

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos de paro rexistrado e destacou que Galicia está a consolidar o emprego creado nos últimos anos, xa que o desemprego na evolución anual continúa baixando, mentres que en novembro as afiliacións continúan medrando e volven situarse por riba do millón de cotizantes, por noveno mes consecutivo.

Deste xeito, Galicia pechou novembro de 2019 con 4710 parados menos que hai un ano, o que supón unha baixada do -2,76% e un nivel de desemprego moi inferior ao rexistrado hai once anos, xa que en novembro de 2008 había 180.820 parados fronte aos 165.659 actuais. Ademais, a caída de Galicia supera en algo máis dun punto á media estatal, situándose como a quinta Comunidade na que máis descende o desemprego. Por sétimo ano consecutivo redúcese o paro en Galicia nun mes de novembro, que tamén baixou nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores económicos e nos colectivos prioritarios para a Xunta: menores de 30 anos, mulleres e parados de longa duración.

A secretaria xeral de Emprego tamén puxo en valor que as afiliacións seguen medrando en Galicia e suman 13.719 cotizantes máis, o que permite que Galicia encadee nove meses consecutivos por riba do millón de afiliados, en concreto 1.023.590, unha media de 38 novas afiliacións ao día.

En canto á evolución mensual, Toca indicou que o aumento rexistrado segue a tendencia dun mes de novembro de toda a serie histórica, xa que desde que hai rexistros en 1996 sempre aumentou de xeito intermensual (agás no ano 2005). De feito é o terceiro menor incremento.

Por provincias e sectoresPor provincias, na evolución anual, Ourense liderou a caída (-4,77%), seguida de Pontevedra (-2,92%), A Coruña (-2,41%) e Lugo (-1,23%). Por sectores, destacou a baixada na construción (-7,32%), seguida da agricultura e a pesca (-5,12), da industria (-4,68%) e do sector servizos (-1,48%).

Con respecto aos colectivos que máis dificultades teñen para atopar un traballo, descendeu nun -1,91% entre os menores de 30 anos; nun -7,02% nos parados de longa duración; e nun -2,49% nas mulleres.

Visita ao Grupo CaeiroA secretaria xeral fixo estas declaracións antes da visita que realizou ás instalacións do Grupo Caeiro en Santiago de Compostela onde coñeceu de primeira man as actuacións que esta empresa está realizando en materia laboral cunha clara aposta por integrar os valores da responsabilidade social empresarial.

Toca informou, ademais, de que nas vindeiras semanas abrirase a convocatoria para o programa Galicia Emprega ao que se destinará 10,5M€ (un 12% máis que en 2019) para a formación e contratación de 1100 mulleres, parados de longa duración, mozos e mozas, e persoas discapacitadas ou en risco de exclusión para impulsar o traballo nos colectivos con máis dificultades para atopar emprego.

Neste sentido, un dos colectivos prioritarios para a Xunta, é o das persoas discapacitadas que, ademais de contar cunha das liñas específicas do Galicia Emprega, terá a posibilidade de acceder, este mesmo mes, ao novo programa de formación dual, do que se acaba de resolver a súa primeira convocatoria. Un total de seis centros especiais de emprego ofrecerán a 60 persoas con discapacidade intelectual un contrato para a formación e aprendizaxe de tres anos de duración e obterán un certificado de profesionalidade.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre