Inicio Galicia Galicia acollerá a vindeira semana o Congreso Internacional sobre Desenvolvemento Rural e...

Galicia acollerá a vindeira semana o Congreso Internacional sobre Desenvolvemento Rural e Turismo no que participa a FAO

0

A conferencia celebrarase do 5 ao 8 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago, onde participarán representantes de máis de 20 países


Galicia é o lugar escollido para celebrar a próxima semana o Congreso Internacional sobre Desenvolvemento Rural e Turismo, no que participa a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO).

Este congreso, que se celebrará no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura entre o 5 e o 8 de novembro, estrutúrase en catro módulos: un será o Landnet Workshop, unha conferencia de carácter internacional da rede Farland da FAO, na que participan 20 países de todo o mundo, dedicada á mobilidade e ao mercado de terras; outro acerca do turismo, no que o Xacobeo 2021 terá un papel destacado; un terceiro arredor do comercio e os produtos de calidade e o cuarto dirixido ao empoderamento das mulleres do rural.

Trátase dun encontro que centra as súas actividades no intercambio de experiencias e no fomento da colaboración entre os participantes. Así, a de Santiago será a duodécima edición da conferencia, onde o módulo principal se centra na xestión da terra, nos retos e nas oportunidades de futuro. Aquí abordaranse todos os instrumentos que se utilizan nos países participantes para apostar pola mobilización da terras e loitar contra o abandono, tratando diversos temas vinculados ás políticas e ferramentas de xestión de terras, como son os bancos de terras, entre outros.

A Axencia Galega para o Desenvolvemento Rural (Agader) é a responsable de organizar este evento co que xa está familiarizado, xa que participa nel cada ano. De feito, na última edición, celebrada en Tallin, interveu o propio director xeral da axencia, Miguel Pérez Dubois, quen foi escollido como parte do comité de dirección da rede Landnet.

Ao longo destas catro xornadas haberá numerosos relatorios e mesas redondas xunto cunha visita ao campo, que será o xoves 8, para que os asistentes poidan coñecer de primeira man diferentes proxectos vinculados ao desenvolvemento rural e ao turismo. Pódese consultar o programa completo do congreso na páxina oficial do congreso.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre