Inicio Galicia Galicia acolle un seminario de boas prácticas sobre seguimento das Estratexias de...

Galicia acolle un seminario de boas prácticas sobre seguimento das Estratexias de Especialización Intelixente

0

Esta reunión enmárcase no proxecto europeo MONITORIS3, liderado pola Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria e financiado polo programa Interreg Europe

A Axencia Galega de Innovación (Gain) organizou na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela o 6º Seminario Temático sobre Monitorización das Estratexias de Especialización Intelixente: Boas Prácticas en Europa. Este seminario enmárcase no proxecto europeo MONITORIS3, financiado polo programa Interreg Europe e liderado por Gain. Neste proxecto participan, ademais de Galicia, outras cinco rexións europeas que teñen como obxectivo acadar unha maior eficiencia dos instrumentos que se puxeron en marcha coas estratexias de especialización intelixente rexionais, a través do intercambio de experiencias e aprendizaxe en mecanismos de seguimento, indicadores e metodoloxías.

Esta xornada forma parte dunha serie de seminarios temáticos celebrados no ámbito do proxecto e permitirá profundar na identificación de boas prácticas sobre o seguimento e avaliación das RIS3 dentro do consorcio. O programa da xornada incluíu a intervención dun experto en políticas de innovación da Universidade de Santiago de Compostela; un representante de Gain que expuxo o proceso de avaliación da RIS3 de Galicia; un representante do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) que explicou o sistema de monitorización a nivel estatal; o modelo vasco expúxose como exemplo de boas prácticas e un membro da Agência Nacional de Inovação de Portugal falou dos sistemas de seguimento de varias rexións europeas.

Ademais dos sete socios do proxecto, a xornada contou coa participación dunha vintena de representantes de entidades que forman parte do ecosistema innovador en Galicia, xunto con representación doutras entidades nacionais e doutras rexións españolas.  O proxectoO proxecto MONITORIS3 comezou en xaneiro de 2017 e terá unha duración de 5 anos. As actividades no marco do proxecto estanse centrando, durante os 3 primeiros anos, nun proceso de aprendizaxe entre as rexións europeas participantes, mentres que os últimos dous anos dedicaranse á incorporación desta aprendizaxe nos sistemas de monitorización das RIS3 de cada socio. A implementación deste proxecto vai en paralelo ao proceso de seguimento e avaliación da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, que engloba o período 2014-2020 e que se beneficiará dos resultados e conclusións acadados ao longo do proxecto.

Galicia, exemplo de boas prácticas na implementación das RIS A Comisión Europea, no seu Manual para a implementación das Estratexias de Especialización Intelixente (Implementing Smart Specialisation Strategies: A Handbook) seleccionou a Galicia como exemplo de boas prácticas tanto polo sistema de seguimento e avaliación da súa RIS3, como pola cooperación transnacional, grazas á Estratexia de Especialización Intelixente Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (RIS3T).

En concreto, no capítulo dedicado aos sistemas de seguimento e avaliación da implementación das RIS, Galicia foi seleccionada, xunto ás rexións de Gales (Reino Unido), Aquitania (Francia) e Emilia-Romana (Italia), polo seu sistema de seguimento como un instrumento para xestionar os obxectivos da estratexia. O sistema de seguimento da RIS3-Galicia inclúe 74 indicadores, categorizados como de execución, de resultado e de impacto, que constitúen o cadro de mando do sistema de avaliación e unha ferramenta de xestión clave que integra os niveis executivo e operativo da estratexia co obxectivo de acadar os obxectivos a medio e longo prazo da RIS3-Galicia. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre