Inicio Galicia Gabriel Alén lamenta o desmantelamento dos servizos ferroviarios na provincia de Ourense...

Gabriel Alén lamenta o desmantelamento dos servizos ferroviarios na provincia de Ourense e comparte co alcalde da Rúa a necesidade da súa reposición por parte do Goberno central

0

O delegado territorial da Xunta en Ourense considera que o déficit en infraestruturas e servizos de tren resta competitividade ao territorio e impide aos cidadás o exercicio efectivo do seu dereito á mobilidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, lamenta o progresivo desmantelamento dos servizos ferroviarios na provincia que resta competitividade ao territorio e impide aos cidadáns o exercicio efectivo do seu dereito á mobilidade para acudir ao lugar de traballo e ensino. Díxoo durante o encontro institucional co alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, con quen compartiu a súa preocupación pola supresión de infraestruturas e servizos, agravada esta semana co anuncio de Renfe de pechar a venda de billetes nas estacións da Rúa e do Barco de Valdeorras.“Na Xunta vimos denunciando de forma reiterada a enorme preocupación pola evolución dos servizos ferroviarios. Son moitos os escritos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de remitir a Renfe e ao Ministerio reclamando a restitución dos servizos suprimidos, sen que polo de agora teñamos resposta”, indicou o representante autonómico que reprochou ao Goberno central que estea suprimindo servizos alegando a crise sanitaria. “A rede de servizos ferroviarios xa antes da covid-19 era insuficiente para atender as necesidades dos galegos”, sostivo Alén Castro.

No encontro tamén trataron a demora da execución por parte do Estado da proxectada autovía A-76 (Ourense-Ponferrada) considerada por ambos os dous representantes institucionais unha vía de comunicación estratéxica e de enorme importancia para a comarca de Valdeorras.

Novo centro saúdeO delegado territorial analizou co alcalde da Rúa outros temas de interese para o municipio relacionados coa administración autonómica, entre os que salienta a necesidade de contar cun novo centro de saúde. Gabriel Alén trasladoulle a Álvaro Fernández o respaldo do Goberno galego á construción desta infraestrutura, tal e como se comprometeron nun protocolo de colaboración Xunta, Deputación e mesmo o Concello o pasado mes de xaneiro. Para que este proxecto sexa unha realidade, segundo consta no acordo, primeiro a administración local terá que pór a disposición do Sergas os terreos e a institución provincial executar as infraestruturas básicas e os accesos. Esta última actuación segue comprometida, tal e como lle trasladou o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, ao delegado territorial na reunión de traballo que mantiveron esta mesma semana.

A xuntanza na Rúa, ao igual que as que mantivo hoxe cos alcaldes de Vilar de Barrio, Vilariño de Conso e Chandrexa de Queixa, enmárcase na rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Alén Castro, logo da súa toma de posesión como representante do Goberno galego, quere desenvolver co obxectivo de coñecer a realidade e as necesidades dos municipios ourensáns.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre