Inicio Galicia Gabriel Alén clausura os cursos do programa de catas de aceite de...

Gabriel Alén clausura os cursos do programa de catas de aceite de oliva extra organizados pola Xunta no concello ourensán da Arnoia

0

O delegado territorial da Xunta de Ourense subliñou que o obxectivo dos tres cursos de iniciación, perfeccionamento e avanzado foi afianzar este sector emerxente na nosa comunidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, participou na clausura dos tres cursos de formación de catas de aceite de oliva virxe extra (AOVE) que se desenvolveron durante o mes de setembro no municipio ourensán da Arnoia, organizados pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Gabriel Alén explicou que o obxectivo destas sesións de cata foi a formación de profesionais do sector coa expectativa de que xurda algún experto catador que seguirá recibindo formación e así algún día poder formar un panel de cata de AOVES en Galicia. “Búscase tamén afianzar este sector emerxente na nosa comunidade, posto que é moi importante para o asentamento e mellora do rural galego”, indicou o delegado territorial. Neste senso, cómpre sinalar que, a día de hoxe, hai arredor de 164 hectáreas plantadas cun total de 180.000 oliveiras en Galicia.

Estes tres cursos de iniciación, perfeccionamento e avanzado tiveron lugar durante as fines de semana de setembro na antiga cooperativa do pemento deste concello. O técnico encargado de impartilos foi o xienense Ramón Pulgar, experto en oleicultura e catador recoñecido polo Consejo Oleícola Internacional. Cada un dos tres cursos tivo unha duración total de 8 horas, en horario de mañá e tarde, dirixidos principalmente a agricultores que teñen ou están plantando oliveiras.

En canto ao temario, no caso do curso de iniciación, que foi o primeiro en celebrarse o día 12 de setembro, se abordaron cuestións como os conceptos básicos na cata de aceites, clasificacións comerciais, fases olfativa, gustativa e táctil; así como as características sensoriais e o vocabulario básico. O curso rematou cunha sesión de cata demostrativa.

No caso do curso de perfeccionamento, que se desenvolveu o día 19 de setembro, os participantes traballaron na análise sensorial do aceite de oliva virxe extra segundo o Consejo Oleícola Internacional e os paneis de cata oficiais. Tamén se tratou a composición química do aceite, atributos e entrenamento con patróns. De novo, o curso finalizou cunha sesión de cata demostrativa.

Finalmente, hoxe tivo lugar o curso de nivel avanzado no que se abordou as características organolépticas dos AOVEs mediante un taller dos sentidos, analizáronse os elementos determinantes na calidade deste produto e os seus atributos positivos, ademais da elaboración dunha ficha final e unha sesión de cata demostrativa.

Estes cursos están integrados no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, segundo indicou o representante do Goberno galego na provincia de Ourense, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre