Inicio Galicia Finaliza o proxecto europeo liderado pola Xunta para mellorar a xestión ambiental...

Finaliza o proxecto europeo liderado pola Xunta para mellorar a xestión ambiental e o control das emisións industriais en Xeorxia

0

Durante os últimos 21 meses, Galicia estivo ao fronte da delegación española que colaborou co país caucásico nesta iniciativa de irmandamento, na que tamén participaron os gobernos da República Checa e dos Países Baixos


A Xunta de Galicia acaba de rematar a súa participación no proxecto europeo de cooperación para a implantación de políticas de xestión medioambiental e control das emisións industriais en Xeorxia. Durante os últimos 21 meses, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda participou de forma activa nesta experiencia colaborativa para asistir ao Goberno xeorxiano no fortalecemento das súas capacidades á hora de implementar as directivas comunitarias sobre contaminación industrial, un dos compromisos previstos no acordo de asociación UE-Xeorxia.

Así, un grupo de representantes das administracións públicas de España, República Checa e Países Baixos –os tres países europeos participantes no proxecto- tutelou e asesorou ao Ministerio de Protección do Medio Ambiente e Agricultura de Xeorxia durante o desenvolvemento deste proxecto de irmandamento.

Cun orzamento global dun millón de euros, a iniciativa mobilizou durante os seus case dous anos de duración a un total de 87 expertos europeos que lle dedicaron á iniciativa máis de 419 xornadas de traballo. Así mesmo, 32 funcionarios xeorxianos tiveron ocasión de visitar os tres países que participaban como socios europeos –España, República Checa e Holanda- e dedicouse unha especial atención aos seminarios e actividades formativas, coa organización de 15 eventos deste tipo nos que participaron máis de 245 persoas.

Durante todo o proxecto, estivo ao fronte da delegación española o xefe do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, José Francisco Alonso Picón, de xeito que a Administración galega tivo un papel fundamental na consecución dos obxectivos do proxecto. Así, ademais de prestar apoio técnico ás autoridades ambientais xeorxianas en materia de inspección e avaliación ambiental, abriuse un espazo para a colaboración e intercambio de experiencias entre ambas administracións.

Entre os principais logros alcanzados nestes 21 meses de traballo cooperativo, cómpre subliñar a elaboración de borradores de leis e regulamentos sobre as Directivas da UE sobre emisións e accidentes industriais; a creación e preparación de ferramentas administrativas e de formación deseñadas especificamente para implementar un sistema ambiental integrado para a autorización e a inspección; e a elaboración dunha aplicación online fiable para a xestión de grandes riscos industriais.

Para poñer fin a esta iniciativa celebrouse un acto de clausura o pasado 24 de abril na localidade de Tbilisi que contou coa participación do ministro de Asuntos Exteriores de Xeorxia, a delegación da UE participante no proxecto e representantes das embaixadas española, checa e holandesa.

Galicia, referente en inspección ambientalO proxecto levado a cabo en Xeorxia enmárcase no programa europeo twinning, unha iniciativa da Unión Europea para estreitar lazos e aproveitar as sinerxías entre os países do territorio e que, neste caso concreto, persegue o obxectivo de fortalecer as súas capacidades de aplicación da lexislación ambiental europea.

A Xunta foi escollida polas autoridades europeas para liderar a representación española no proxecto en atención ás políticas medioambientais que impulsou nos últimos anos. Neste sentido, a posta en marcha no ano 2016 do Plan de Xestión e Control de Residuos Industriais de Galicia 2016-2020 (Priga) sitúa á comunidade como un dos referentes en materia de prevención, control e xestión dos residuos industriais.

Este plan pretende servir de apoio ao tecido empresarial galego en materia de prevención, desenvolvemento sustentable, loita contra o cambio climático, redución da xeración de residuos e incremento da preparación para a súa reutilización, e fomento das taxas de valorización fronte á eliminación.

Así mesmo, cómpre lembrar que a finais do ano 2018 a inspección ambiental galega foi distinguida coa ISO 9001:2015, un selo que acredita a excelencia e a eficiencia deste servizo autonómico, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Galicia converteuse deste xeito na primeira comunidade española en implantar un sistema internacional de xestión de calidade que sitúa aos seus inspectores á vangarda do país.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre