Inicio Galicia Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sereas de aviso á...

Finaliza con éxito a proba de funcionamento das sereas de aviso á poboación de 22 presas galegas

0

A proba comezou ás 9,00 da mañá na presa de Frieira, e foi repetíndose en distintas presas ata as 19,00 desta tarde

No día de hoxe rematou con éxito a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación dun total de 22 presas galegas. O primeiro sinal sonou ás 9,00 da mañá na presa de Frieira e foise repetindo en distintas presas ata as 19,00 horas.

En total, soaron máis de 60 sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de Castrelo, Albarellos, Portodemouros, Brandariz, Vilagudín, San Cosmade, Chandrexa, Guístolas, San Estevo, Santa Eulalia, San Martín, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, Touro e Río Cobo.

Para a proba, contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa); así como do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.

Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación.

En Galicia, actualmente hai 41 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.

Aposta pola prevenciónDesde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona. 

No hay comentarios