Inicio Galicia Feijóo ve nos galardoados cos premios Galegos do ano a Galicia diversa...

Feijóo ve nos galardoados cos premios Galegos do ano a Galicia diversa e plural, capaz de emprender xunta grandes empeños

0

“Son vostedes a proba viva de que a nosa historia recente é un éxito”, di, en relación aos galardoados

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe aos galardoados cos Premios Gallegos del año 2018 como a proba da Galicia diversa e plural, capaz de emprender xunta grandes empeños.“Son vostedes a proba viva de que a nosa historia recente é un éxito”, aseverou, referíndose, primeiramente, á traxectoria do premiado José Manuel Romay Beccaría. “Na súa persoa conflúen a macro e a micropolítica, os grandes deseños como a transición democrática e autonómica, e a política de proximidade”, dixo, lembrando que é un dos “Mestres Mateo” que teimaron en construír unha catedral autonómica para todos.“Fixérona en poucos anos, aplicándose como arquitectos, canteiros e albaneis nunha obra que non tiña precedentes, e copiando as liñas mestras que xa existían latentes no seo do pobo galego”, aseverou, ao que engadiu que “nese Pórtico que é a autonomía combináronse o sentidiño coa sabedoría administrativa”.

José Manuel Romay e a súa xeración política configuran, tal e como expresou Feijóo, un Pórtico que protexe a este país rico en talento: talento deportivo como o de Ana Peleteiro, profesional como o de Fernando Suárez Lorenzo, ou “musical, divertido e tradicional” como o da tuna de Dereito da USC. Talento para recuperar a vida dos cativos, como o de Manuela Camino, ou aportar felicidade aos discapacitados que son capaces en tantas cousas, como o de Marcelo de la Cruz Luzón. Na mesma liña, asegurou que nesta sociedade que admira a excelencia están o neurólogo Alfredo García Allut, o conselleiro delegado de Plexus Antonio Agrasar Cascallar, e Luz Couce Pico, responsable do servizo de Neonatoloxía do CHUS. “Francisco Leiro ten nas súas mans a capacidade de inmortalizar á galeguidade; e Victoria Rojas, xefa do servizo de Oftalmoloxía do CHUAC, é unha proba máis da alta capacidade da profesión médica galega”, engadiu. Feijóo referiuse tamén á traxectoria de José Luis Antuña, “que lembra a forza do cooperativismo”. “En José Delfin Pérez vemos a toda unha saga de altos directivos que galeguizan as grandes multinacionais facéndoas globais sen deixar de ser locais. O apelido Jove está vencellado ao emprendemento, e da man de Felipa Jove e a Fundación María José Jove, ao pulo a iniciativas que fan do noso país algo mais grande. E Miguel Carrero é deses homes incansables que sabe aportar á sociedade un coñecemento e un talante cultivados durante moitos anos”.

Leer más:  Santiago establece "zona urbana" para solicitar la intervención del Gobierno y expandir la utilización residencial de Peleteiro

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego avogou por trasladar á vida pública unha garantía de que os premiados empregan decote na súa actividade profesional: a trazabilidade. “Se resulta importante coñecer a orixe, a evolución e a experiencia dun produto, empresa ou profesional, sería oportuno aplicar unha pauta semellante ás políticas e ás propostas”, dixo, incidindo en que sería un bo antídoto contra aqueles que ven nas sociedades un laboratorio onde experimentar, e non unha comunidade humana á que hai que respectar, escoitar e achegar solucións. 


- Te recomendamos -