Inicio Galicia Feijóo valora o esforzo da plantilla de Navantia para cumprir os encargos...

Feijóo valora o esforzo da plantilla de Navantia para cumprir os encargos da Armada australiana e pide ao Goberno central que afronte o período de incerteza que se abrirá o ano que vén

0

Destaca a experiencia do sector galego e a súa capacidade para facer da tecnoloxía a ferramenta coa que responder a retos cada vez máis complexos


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o esforzo da plantilla de Navantia para cumprir os encargos da Armada australiana e pediu ao Goberno central que afronte o período de incerteza que se abrirá o ano que vén.

Durante o acto de botadura do buque Nuship Stalwart para a Mariña Real Australiana, Feijóo destacou a capacidade e a profesionalidade do conxunto dos traballadores deste estaleiro e das empresas auxiliares que, unha vez máis, poñen de manifesto a experiencia acreditada durante décadas do sector naval galego; a súa fiabilidade para cumprir cada pedido en tempo e forma; e a súa capacidade para facer da tecnoloxía a ferramenta coa que está respondendo a retos cada vez máis complexos que requiren maior especialización.

O presidente da Xunta incidiu en que estes valores son extensibles ao conxunto do sector en toda Galicia e recordou que o naval galego non só é o que máis contratos ten en vigor –un 55%-, senón tamén o que máis contratos acadou no primeiro semestre deste ano, con 7.

Así mesmo, lembrou que a Comunidade ten a segunda maior carteira de pedidos de todo o continente, só por detrás de Holanda e a industria naval en Galicia alcanza, neste momento, as súas maiores cotas de diversificación con buques de defensa e aprovisionamento, pesqueiros, cruceiros e megaiates, entre outros.“O sector naval privado está cumprindo e é necesario que cumpra o sector público no caso de Navantia Fene-Ferrol”, aseverou, resaltando a importancia de que Navantia non se quede atrás e se prepare para seguir dando resposta aos novos modelos de produción, baseados na dixitalización; aos perfís laborais máis demandados e ás esixencias cada vez máis fortes do mercado.

Nesta liña, recordou que desde a Xunta estase a acompañar a Navantia desde dúas frontes: a conversión do estaleiro 4.0, a través do apoio a tres proxectos con axudas que suman 5,7 millóns para avanzar no seu proceso de modernización e transformación dixital.

E, no tocante á formación adaptada ás novas necesidades, o titular do Goberno galego subliñou a posta en marcha dun plan de formación naval, que recolle un conxunto de iniciativas e liñas de axuda que suman 16 millóns para impulsar o emprego cualificado nesta industria -3.600 persoas entre traballadores e desempregados-.

Feijóo aproveitou o acto para insistir na necesidade de que o Goberno central achegue estabilidade e concreción para que o estaleiro poida seguir avanzando. “Á Sepi e a Navantia Fene-Ferrol correspóndelles garantir estes momentos que se abren de incerteza neste estaleiro”, aseverou, lembrando que o contrato con Australia finaliza a principios do próximo 2020 e que as fragatas F-110 non empezarán a construírse ata finais do 2021-principios do 2022. “Polo tanto, hai dous anos de sombra onde non temos carga de traballo en Ferrol”, abundou.

Se ben Fene parece que se pode encarrilar cun contrato de eólica mariña que se podería concretar nas próximas semanas, segundo recordou o presidente da Xunta, Feijóo fixo fincapé na preocupación polo futuro inmediato do estaleiro de Ferrol: “espero que neste período de incerteza e de sombra no que se vai meter o estaleiro de Navantia Ferrol teñamos unha proposta concreta para ter carga de traballo ata que se inicien as fragatas, non só para o estaleiro, senón tamén para as empresas auxiliares.”O responsable do Executivo autonómico concluíu agradecendo a confianza da Armada australiana, unha relación estratéxica que xerou contratos para Navantia por valor de 2.400 millóns de euros. Así, a construción dos dous buques que se encargaron na ría de Ferrol en maio de 2016, e que son hoxe unha realidade visible, tradúcese nun valor de 420 millóns de euros, 3 millóns de horas de traballo e unha xeración anual de 1.800 postos de traballo directos e indirectos ata 2020, cando se entregue definitivamente este segundo buque.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre