Inicio Galicia Feijóo valora a confianza depositada de PSA en Vigo e en Galicia...

Feijóo valora a confianza depositada de PSA en Vigo e en Galicia co proxecto factoría 4.0 PSA-CTAG para converter Balaídos na planta tecnoloxicamente máis avanzada e precursora do grupo

0

Incide na importancia desta iniciativa, na que traballan conxuntamente 500 persoas, tanto para a consolidación do CTAG como para situar a factoría de Vigo como unha das fábricas con maior competitividade do mundo no eido da automoción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe a confianza depositada de PSA en Vigo e en Galicia coa posta en marcha do proxecto Factoría 4.0 PSA-CTAG para converter a fábrica de Balaídos na planta piloto da factoría 4.0, é dicir, na planta tecnoloxicamente máis avanzada e precursora de novas tecnoloxías do grupo.

Logo de asistir á reunión co Comité de Dirección do proxecto Factoría 4.0 PSA-CTAG e visitar os laboratorios do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, Feijóo incidiu na importancia desta iniciativa, na que están traballando conxuntamente 500 persoas, tanto para a consolidación do CTAG para a seguinte década, como para que na carreira da competitividade siga situando a factoría de Vigo como unha das fábricas con maior competitividade do mundo no sector da automoción. Non en van, permitirá poñer a tecnoloxía ao servizo do cliente final, de tal xeito que todo o funcionamento da factoría permita traballar en tempo real e coñecer anticipadamente as necesidades do mercado.“Estamos a falar de deseñar e fabricar novos produtos que se adianten ás esixencias do consumidor”, dixo, precisando que o proxecto contempla converter Balaídos: nunha fábrica conectada, onde non se utilizará papel e toda a información será almacenada e se intercambiará en tempo real coa tecnoloxía Big Data; nunha fábrica áxil, que empregue a robótica colaborativa para determinadas tarefas e a automatización de procesos; nunha fábrica virtual, onde a tecnoloxía 3D permita simular produtos e liñas de produción; e nunha fábrica ecoamigable, é dicir, eficiente enerxeticamente e cun menor impacto de residuos.

Así mesmo, aseverou que este plan de dixitalización englobará non só a propia factoría de Vigo, senón tamén ao conxunto de provedores de compoñentes e subministracións, e mesmo á cadea de distribución de vehículos rematados ou aos diferentes puntos de venda.

Máis polo miúdo, o titular do Goberno galego explicou que o primeiro obxectivo será o de concibir, deseñar e desenvolver os sistemas e compoñentes que permitirán poñer no mercado o ‘vehículo do futuro’: eléctrico, autónomo, e conectado. “Sería proseguir avanzando nese primeiro modelo que percorreu por primeira vez as estradas españolas e que partiu e se deseñou aquí mesmo”, afirmou, destacando como segunda meta, validar novos procesos e novos produtos mediante a construción e ensaio de prototipos.

Como terceiro obxectivo, e consecuencia dos dous anteriores, Feijóo referiuse novamente ao deseño e construción en PSA Vigo da que será a nivel mundial a planta piloto da factoría 4.0 do grupo, xa que os resultados dos procesos que se desenvolvan e validen nas instalacións da planta viguesa serán implantados en segunda instancia nas plantas de PSA.

PSA e CTAG traballarán, en definitiva, en despregar totalmente a internet industrial nas instalacións de Balaídos e en establecer un modelo de traballo onde o binomio produto-proceso de produción se entenden de forma simultánea, ata o punto de que os fluxos da cadea de subministración poidan chegar a planificarse a partir dos pedidos ‘on line’ que realice o cliente ou o concesionario.

Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico recordou ademais que este proxecto enmárcase dentro do Programa fábrica intelixente, cuxa terceira convocatoria está xa aberta, co fin de prestar axuda a preto dunha decena de proxectos de dixitalización que presenten pemes e grandes empresas galegas e baixo a previsión de mobilizar 31 millóns de euros.

O presidente do Executivo autonómico concluíu garantindo o apoio da Xunta ao sector da automoción que, desde 2009, se traduce nun investimento público de máis de 186 millóns de euros. Todo isto, baixo a convicción de que o apoio á innovación, á internacionalización e á formación dos profesionais que traballan na industria galega redunda na competitividade da economía da Comunidade. Así, as vendas da industria galega foron as segundas que máis subiron en 2018, cun alza do 7,1% na cifra de negocios que é o segundo maior nos últimos sete anos; o IPI rexistrou en 2018 o seu maior incremento da última década, un 4,9%, catro puntos por riba da media española; e, no eido das exportacións, Galicia volveu bater un novo récord ao superar o pasado ano a barreira dos 22.000 millóns de euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre