Inicio Galicia Feijóo urxe unha poxa eléctrica inmediata, estable e cuns mecanismos compensatorios que...

Feijóo urxe unha poxa eléctrica inmediata, estable e cuns mecanismos compensatorios que garantan traballo e eviten a deslocalización

0

“Pedimos moderación, planificación e responsabilidade na súa execución”, di, en relación á transición enerxética, ademais de lembrar que en Galicia hai 10 empresas electrointensivas que dan emprego a 5.000 persoas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, urxiu hoxe ante a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, unha poxa eléctrica inmediata que teña estabilidade no tempo, un estatuto da industria electrointensiva e uns mecanismos compensatorios adicionais vía Lei de orzamentos -como xa na lei de 2018 se incluíron 150 millóns-, que garantan os postos de traballo, a actividade e eviten a deslocalización. Ao que incidiu na necesidade dunha transición enerxética ordenada e planificada e non abrupta e improvisada.“Pedimos moderación, planificación e responsabilidade na súa execución”, abundou, ao que engadiu que non se pode seguir aumentando o prezo da enerxía que faga que a industria non sexa competitiva e que o prezo da factura eléctrica mensual dos cidadáns sexa cada vez maior, ao incrementarse mes a mes e semestre a semestre.

Durante a xuntanza, e logo de lembrar que en Galicia hai 10 empresas electrointensivas que dan emprego a 5.000 persoas, referiuse especialmente á situación crítica de Alcoa, e recalcou a necesidade dun marco estable do prezo da enerxía, “dunha planificación enerxética e dun prezo da enerxía para toda a industria electrointensiva de Galicia e de España”.

Nesta liña, Feijóo referiuse tamén ás centrais de Meirama e As Pontes, recordando que o seu peche implicaría que a Comunidade galega deixe de ser excedentaria en enerxía para ser deficitaria. “Un territorio como o noso cunha enorme capacidade hidráulica e eólica, non pode permitirse o luxo de, mentres non haxa máis potencia renovable instalada, desconectar esas centrais de respaldo. Así, en 2017, cando en Galicia choveu moi por debaixo da media, estas dúas centrais triplicaron a súa actividade e produción. Non se poden desconectar estas dúas centrais sen ter un sistema enerxético alternativo funcional”, explicou.

Ademais de constatar co Ministerio que non hai establecido ningún límite de funcionamento das dúas centrais, o presidente da Xunta trasladou a necesidade de que ambas as centrais sigan traballando ata que outros países fagan a desconexión das súas centrais de térmicas. E subliñou a importancia de que Meirama faga os investimentos da mesma forma que o está facendo As Pontes para manterse operativa máis alá do 2020 co límite de emisións fixado pola UE.

O presidente da Xunta abordou tamén coa ministra o potencial da biomasa en Galicia e, nesta mesma materia, referiuse ao ecobarrio de Ourense, valorando a receptividade da ministra para asinar o convenio e poder implementar este proxecto a principios de 2019 e que abarca os 20.000 veciños do barrio da Ponte.

Durante a xuntanza, Feijóo aseverou que ademais da enerxía eólica e a hidráulica, a biomasa é para a Comunidade galega unha enerxía estrutural porque supón menos custos na prevención e extinción de incendios, menos impacto ambiental e un impacto económico positivo, ao empregarse unha enerxía autóctona, xa que Galicia produce o 44% de toda a madeira que se corta anualmente en España.

Nesta liña, precisou que, ademais da nova planta de biomasa que se construirá en Curtis, nas vindeiras semanas o Goberno galego proporá, por petición da ministra, dúas novas instalacións “que necesitarán primas, porque producir enerxía eléctrica a través de biomasa é moi caro”.

Feijóo incidiu na aposta que a Comunidade está a facer polas enerxías renovables, sendo unha das autonomías con máis porcentaxe de produción eléctrica vía renovables “e no 2020, o 20% do consumo de enerxía eléctrica virá das renovables”, dixo.

Por outra banda, e en relación ao abastecemento e saneamento de augas, Feijóo transmitiu as dificultades que existen desde hai tempo para cubrir as demandas de auga na área de Vigo, á máis poboada de Galicia, e insistiu na necesidade de abordar como peza separada o seu abastecemento. “A tal efecto imos firmar un convenio no que a Administración do Estado, a Xunta e o Concello de Vigo estudaremos as distintas posibilidades”, dixo.

Seguindo nesta área metropolitana, referiuse tamén ao desbloqueo dunha subestación eléctrica no polígono de Balaídos, para diminuír os custos enerxéticos das empresas e facelas máis competitivas.“E falamos de activar aqueles compromisos que temos en materia de saneamentos na Illa de Arousa, Ponteareas, Poio, Sanxenxo e Santiago. Todas obras de interese xeral”, aseverou.

Sobre Santiago, o presidente da Xunta trasladou a proposta da ministra de manter unha xuntanza de forma inmediata entre Concello-Xunta-Ministerio para clarificar a viabilidade da ampliación da depuradora no lugar actual e ante o risco de perda dos fondos europeos.

Teresa Ribera e Feijóo analizaron así mesmo a posibilidade de facer unha serie de investimentos no Parque Nacional das Illas Atlánticas no referido á enerxía renovable e diminuír así a utilización do diésel para dar luz aos veciños que viven en Ons e para os cámpings de Ons e Cíes.

Por último, o presidente da Xunta incidiu na necesidade de que o Estado financie o dragado da ría do Burgo, unha vez que a Xunta xa investiu 100 millóns de euros no seu saneamento. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre