Inicio Galicia Feijóo salienta que xa se vacinaron contra a gripe máis de 500.000...

Feijóo salienta que xa se vacinaron contra a gripe máis de 500.000 galegos, 26.600 máis que na campaña anterior

0

Subliña que Galicia ofrece este ano a vacina tetravalente celular fronte á gripe ás persoas de 15 a 64 anos con factores de risco

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que xa se vacinaron contra a gripe máis de 500.000 galegos no que vai de campaña -ata agora seis semanas-, co que se supera en 26.600 persoas a cifra do ano pasado.

En comparación á campaña anterior, Feijóo tamén especificou que xa se vacinaron 900 embarazadas máis e 2.500 sanitarios máis que en 2018. “O ano pasado fomos a segunda Comunidade Autónoma con máis cobertura e con estes datos esperamos manter ou incluso mellorar esta posición”, destacou durante o acto de inauguración do X Obradoiro Interactivo Infectolóxico TIPiCO X, na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, onde estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

Con relación á campaña, Feijóo subliñou así mesmo que este ano Galicia se converteu na primeira Comunidade en ofrecer a vacina tetravalente celular fronte á gripe ás persoas de 15 a 64 anos con factores de risco. En total, dixo, as melloras incluídas supoñen unha inversión de case 3,5 millóns de euros.

O titular do Goberno galego lembrou que a campaña da gripe comezou o 14 de outubro e se estenderá ata o 27 de decembro nuns 900 puntos de vacinación por toda a Comunidade e con máis de 20.000 profesionais implicados. Nesta liña, fixo fincapé na importancia de vacinarse para as persoas que pertencen a colectivos de risco.

En Galicia, abundou, “a vacinación goza de boa saúde”, tendo en conta que a cobertura de vacinación infantil -entre o 98 e o 99%, segundo os últimos datos de outubro- e a de vacinación dos adolescentes atópanse entre as mellores do Estado. “O compromiso, creo, é alto”, asegurou, e recordou o requisito do cumprimento do calendario de vacinación infantil para acceder a unha praza de escola infantil da rede pública.

Feijóo aseverou que as vacinas son probablemente unha das inversións máis rendibles dun sistema sanitario, e que “se transforman non só en vida, senón en esperanza de vida ou envellecemento saudable, en definitiva, en mellora obxectiva do benestar dos cidadáns”. Así, reivindicou os avances dos últimos anos como: a creación do calendario de vacinación de adulto; o compromiso de abordar este ano o cambio en calendario da vacina meningocócica C dos 12 anos pola meningocócica tetravalente, así como a abordaxe dun ambicioso catch-up dos nosos adolescentes e adultos mozos ata os 18 anos con esta mesma vacina; ou a substitución da vacina bivalente fronte ao virus do papiloma humano pola vacina nonavalente, que aumenta a protección fronte aos cancros que inducen estes virus.

Nesta liña, explicou tamén que o pasado luns incorporouse a vacina fronte ao rotavirus para os lactantes nados prematuros, unha patoloxía que se pode previr e para a que o risco de complicacións aumenta nos nenos nados prematuros.

En canto ao Obradoiro Infectolóxico, Feijóo gabou que cumpre dez edicións grazas ao traballo do doutor Federico Martinón e todo o seu equipo, e incidiu en que a Pediatría Clínica Infectolóxica e Translacional do Hospital Clínico Universitario de Santiago foi unha das apostas “máis transgresoras” do Sergas e está a dar resultados. De feito, apuntou, é o segundo ano consecutivo que recibiu o premio Best in Class á mellor unidade de infecciosas de España, ademais de obter o Premio Internacional Zendal.

Ademais, sobresaíu que, desde o Hospital Clínico Universitario de Santiago, o doutor Martinón dirixe uns dos 11 centros colaboradores que a Organización Mundial da Saúde ten en España, o único de Europa dedicado á seguridade vacinal; “e desde Santiago creouse e coordínase a Rede Española de Ensaios Clínicos Pediátricos”, engadiu.

Por último, o titular da Xunta reivindicou o traballo do Instituto de Investigación Sanitaria da capital galega, que ao longo da súa traxectoria captou máis de 167 millóns de euros en 526 proxectos e incrementou a súa participación en grupos ou alianzas estratéxicas nacionais e europeas, e cuxo labor únese á do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e a do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.“Seguiremos traballando para que a política estable e os servizos públicos, comezando pola Sanidade, sexan a mellor vacina fronte ao populismo, a mellor certeza fronte á desconfianza e mellor folla de ruta para obter máis benestar para os cidadáns”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre