Inicio Galicia Feijóo salienta que a Oferta de emprego público do Sergas para 2020...

Feijóo salienta que a Oferta de emprego público do Sergas para 2020 podería superar as 3.500 prazas se o Goberno estatal elimina a taxa de reposición

0

Se non se elimina, Feijóo subliñou que a oferta na Comunidade galega para este ano, cun 100% da taxa de reposición de efectivos, reduciríase a 973 prazas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe na rolda de prensa do Consello que a Oferta de Emprego Público do Sergas para 2020 podería superar as 3.500 prazas se o Goberno central elimina a taxa de reposición de efectivos actualmente vixente.

De non facelo, Feijóo subliñou que a oferta en Galicia para este ano, cun 100% da taxa de reposición de efectivos, reduciríase a 973 prazas: máis de 2.500 prazas menos.

Coa eliminación da taxa, a Comunidade galega podería ofertar todas as prazas que requiren as necesidades asistenciais e non soamente as vacantes xeradas por xubilacións ou falecementos. En consecuencia, o titular da Xunta confirmou que a Xunta volverá dirixirse ao Ministerio de Sanidad para que permita levar a cabo neste primeiro trimestre de ano unha OPE histórica na Sanidade Pública galega.

A oferta para 2020, segundo relatou Feijóo, trata de dar resposta ás necesidades de persoal identificadas polo Servizo Galego de Saúde. En concreto, céntrase tanto nunha oferta capaz de atraer novos profesionais, especialmente naquelas categorías nas que hai unha maior necesidade como medicina familiar e pediatría; como en potenciar a cobertura dos postos de traballo en centros con carencias de persoal, como hospitais comarcais ou centros sanitarios illados.

O Plan Galego de Atención Primaria adquiriu o compromiso de incrementar a oferta de emprego público do 2018 no ano 2019 nas categorías específicas de atención primaria: medicina de familia, pediatría de atención primaria, enfermería familiar e comunitaria e odontoloxía. E, pola súa incidencia na atención primaria, tamén se adoptou o compromiso de incremento nas categorías de: fisioterapeuta, enfermería especializada en pediatría, traballado social e persoal de servizos xerais.

O compromiso foi convocar unha OPE especial de 537 prazas: 254 prazas de médico de familia, 93 prazas de pediatra de atención primaria, 7 de odontólogo de atención primaria, 30 prazas de enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria, 18 en enfermeiro especialista en pediatría e 135 en persoal de servizos xerais.

Esta OPE acumulada convocouse en maio de 2019 para diferentes categorías. E, en base a esta convocatoria, este domingo día 1 de marzo de 2020 examinaranse os aspirantes para a cobertura de 354 prazas nas categorías de médico de familia e pediatra e odontólogo de atención primaria.

Estas probas súmanse ás que se celebrarán o sábado 29 de febreiro, na categoría de técnico en coidados auxiliares de enfermería, para a cobertura de 772 prazas; o domingo 1 de marzo, na categoría de matrona, para cubrir 89 prazas. E tamén se engaden as probas xa celebradas os días 8 e 9 de febreiro para a cobertura de 277 prazas nas categorías de: persoal de servizos xerais, enfermeiro especialista en enfermería familiar e comunitaria; enfermeiro especialista en pediatría; enfermeiro especialista en saúde mental; enfermeiro especialista en traballo e enfermeiro especialista en fisioterapeuta. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre