Inicio Galicia Feijóo salienta que a nova pasarela peonil A Grela-Marineda consolida o polígono...

Feijóo salienta que a nova pasarela peonil A Grela-Marineda consolida o polígono como un gran espazo industrial e comercial seguro, sustentable e atractivo para milleiros de visitantes

0

Pon en valor o permanente diálogo e a colaboración coa Asociación de empresarios da Grela, que marcaron a súa execución. Non en van, neste polígono desenvolven a súa actividade máis de 550 empresas


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a nova pasarela peonil A Grela-Marineda consolida o polígono da Grela como un gran espazo industrial e comercial seguro, sustentable e atractivo para milleiros de traballadores e visitantes, en beneficio da competitividade de toda a área metropolitana da Coruña. Unha obra que muda radicalmente a mobilidade do gran corazón empresarial e comercial da área metropolitana da Coruña e do norte de Galicia.

Durante a posta en servizo desta infraestrutura, Feijóo quixo poñer en valor, en primeiro lugar, o permanente diálogo e a colaboración entre a Axencia galega de infraestruturas e a Asociación de empresarios da Grela, que marcaron a súa execución. Non en van, neste polígono desenvolven a súa actividade máis de 550 empresas, o que supón que neste parque desempeñen o seu traballo 20.000 persoas cada día; e está situado, ademais, o segundo maior centro comercial de España, que o ano pasado recibiu 18 millóns de visitas.

Así mesmo, aseverou que a nova pasarela responde tamén a outros obxectivos como é a humanización desta paisaxe industrial como un espazo de esparcemento e lecer para os cidadáns. Para elo, contouse co asesoramento de expertos paisaxistas, procurando as fórmulas máis acaídas para cada un dos acabados, desde a mediana ata a beirarrúa e a iluminación.

E con estas obras avánzase, tamén, na aposta decidida da Xunta por fomentar unha mobilidade limpa que sirva de alternativa ao vehículo particular. Ao fío disto, destacou que o plan de acceso dos autobuses interurbanos ao centro da Coruña supuxo, en dous anos, un incremento de case un 14% nos usuarios do Transporte metropolitano.

Logo de precisar que esta actuación intégrase no Plan de sendas, co que xa se puxeron en servizo máis de 100 quilómetros de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, o responsable do Executivo autonómico constatou que, con esa mesma inspiración proxectouse a pasarela peonil, o seu carril bici, a senda construída nas marxes da estrada e as novas instalacións de transporte público.“Estamos a falar dunha escultura excepcional, dunha obra de enxeñaría que preserva a seguridade viaria, conecta aos traballadores do polígono e que facilita as visitas ao centro comercial”, precisou, aseverando que o Goberno galego seguirá apostando polas infraestruturas como factores esenciais para o progreso económico e social.

Con esta finalidade, referiuse ao investimento de máis de 30 millóns de euros na prolongación da Vía Ártabra ata a AP-9, que ofrecerá unha alternativa para acceder a cidade desde Cambre, Oleiros ou Sada moito máis rápida e segura; ou aos traballos para rematar o polígono de Morás, dotado ademais, cos accesos axeitados, ao igual que o polígono de Sabón, tamén en Arteixo.

Feijóo concluíu aseverando que a Xunta seguirá defendendo os intereses da cidade, para recuperar o tempo perdido para que teña unha estación intermodal; para conseguir, ao mesmo tempo, solucionar conflitos como o que rodea o acceso ao Porto de Langosteira desde Arteixo e impulsar as novas vías de vertebración territorial e competitividade económica que demanda esta comarca, como é a cuarta rolda ou a imprescindible ampliación da avenida de Alfonso Molina.“Pola nosa banda, seguiremos traballando”, incidiu, reeditando o compromiso coa nova residencia da terceira idade e co novo Hospital Público Universitario da Coruña.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre