Inicio Galicia Feijóo salienta que a creación do polo de innovación e emprendemento da...

Feijóo salienta que a creación do polo de innovación e emprendemento da FP galega converterá Ourense no centro común de alumnos, profesores e empresas vencelladas a esta modalidade

0

Resalta que o centro contará con dúas coordinacións técnicas: unha de I+D+i, con áreas para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes, e outra de emprendemento industrial, que se encargará do impulso dos proxectos


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a creación do polo de innovación, emprendemento e talento da FP galega converterá Ourense no centro común de alumnos, profesores e empresas vencelladas a esta modalidade, funcionando ademais como elemento de conexión e soporte para os 269 centros educativos con oferta de formación profesional.“Un centro común para formar capital humano altamente cualificado e preparado para afrontar os retos tecnolóxicos do mercado; para impulsar o traballo en rede e a coordinación dos centros e asumir novos centros tecnolóxicos; para poñer en valor a FP, asegurando o alto nivel de inserción laboral; para impulsar a FP Dual e sumar empresas colaboradoras; e para fomentar a transferencia de coñecemento entre os principais actores sociais, empresariais e científicos”, explicou.

Durante a sinatura do convenio entre a Xunta e a Deputación de Ourense para a creación do Centro Galego de Innovación da FP, o responsable do Goberno autonómico resaltou que o centro contará con dúas coordinacións técnicas: unha de I+D+i, con áreas que traballarán en metodoloxías para á industria 4.0, o Internet das cousas ou as patentes, e outra de emprendemento industrial, que se encargará do asesoramento, seguimento, orientación e impulso dos proxectos. E baixo o seu paraugas, ademais, a Rede de viveiros sumará o primeiro viveiro industrial de FP, adaptado ao desenvolvemento de actividades emprendedoras.

Ademais, o valor engadido desta infraestrutura tamén se estenderá á súa situación: a antiga Escola Fogar de Mariñamansa, un edificio abandonado –duns 2.600 metros cadrados-, que será rehabilitado, situado nun lugar estratéxico -próximo ao CIFP A Farixa, o centro de FP de referencia nesta provincia-.

Resultado da unión de esforzos e da colaboración institucionalEn relación ao financiamento, Feijóo subliñou que este proxecto é resultado da unión de esforzos entre institucións. Así, a súa posta en marcha articúlase con este convenio de colaboración co que: a Deputación de Ourense achegará 5 millóns de euros; a Consellería de Economía poñerá 1,5 millóns; e a Consellería de Educación achegará 3,4 millóns para a rehabilitación do edificio, que comezará este mesmo ano e para os gastos de funcionamento do centro. “En total, un investimento de 10 millóns de euros”, sinalou, baixo a previsión da súa posta en marcha en 2020.

Máis polo miúdo, Feijóo agradeceu a colaboración da Deputación Provincial de Ourense para acoller un centro de innovación de referencia que constituirá un dos piares básicos sobre os que se cimentará o crecemento da economía da súa zona de influencia e extensible a toda a Comunidade.“Houbo outros aos que se lles deu esta oportunidade… Intereses personalistas deixaron pasar o tren”, dixo, lembrando que intelixentemente Ourense conseguiu o que outros agora quererían. Nesta liña, afirmou que o alumnado terá unha formación máis vinculada cos novos retos; o profesorado beneficiarase dunha maior colaboración; e o tecido produtivo nutrirase de persoal altamente cualificado e dará resposta ás necesidades tecnolóxicas das empresas.

O presidente da Xunta aseverou que a formación profesional seguirá a ser unha prioridade para a Xunta que, desde 2009, dobrou a rede de centros integrados de FP, ata chegar aos 23 da actualidade e creou ciclos adaptados á Galicia do futuro, é dicir, vinculados ás particularidades sociais e económicas da Comunidade, así como á demanda do tecido produtivo, non en van, 1 de cada 3 dos títulos actuais non existían no curso 2008/09 e hoxe existen máis de 140 títulos de ciclos formativos adaptados ao noso tecido produtivo e tamén ao catálogo nacional.

Sobre este último punto, salientou que máis de 150 empresas punteiras en Galicia están hoxe a colaborar coa FP Dual; neste momento, hai 20 viveiros de empresa máis que hai dez anos, con 29 empresas postas en marcha a través deles, e creouse o premio FP Innova, que xa vai pola terceira edición, coa participación de 8.000 persoas entre alumnado, profesorado e empresas.“Cada vez son máis as persoas que enfocan a súa formación cara a este modelo”, abundou, lembrando que, este curso conta con 51.000 matriculados –un 47% máis que hai dez anos-, de xeito que por cada 6 alumnos de FP hai 4 de Bacharelato.

Así mesmo, case o 86% dos titulados en ensinanzas de FP están traballando, o que supón un incremento de máis de 30 puntos en 4 anos; preto do 74% dos titulados atopan o seu primeiro emprego en menos de 6 meses; e cada vez hai máis inserción laboral nas familias profesionais relacionadas coa industria 4.0 e os sectores estratéxicos para a Comunidade.

En relación á FP Dual, Feijóo precisou que máis do 90% dos alumnos que optaron por esta vía están traballando de xeito estable e o 86% do alumnado que optou por esta formación recomendaría a realización dun destes ciclos.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre