Inicio Galicia Feijóo reivindica a Galicia do 2020: emprendedora, aberta, marcadamente exportadora e que...

Feijóo reivindica a Galicia do 2020: emprendedora, aberta, marcadamente exportadora e que inspira confianza

0

Sobre as cantidades adebedadas polo IVE, salienta que nos últimos días tense demostrado, co desacordo manifestado tamén pola inmensa maioría das comunidades, que a demanda de Galicia non está inspirada polo egoísmo nin polo partidismo


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou esta tarde a Galicia do 2020; unha Galicia, dixo, con espírito emprendedor, aberta, marcadamente exportadora e que inspira confianza.

Durante o acto de entrega do Premio Economía 2019 ao Grupo Gadisa, outorgado polo Consello Galego de Economistas, e ao que asistiu a vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, Feijóo referiuse tamén á autonomía como un factor de progreso. “Pero non a autonomía en abstracto, senón a interpretación galega da autonomía”, precisou, incidindo en que a Comunidade ofrece unha versión propia da España autonómica, na que as diferentes ferramentas institucionais non pretenden encorsetar a creatividade social, senón converterse nun brazo da sociedade.

Nesta mesma liña, recordou que a España das autonomías descansa no principio básico de lealdade. “A mesma que, xunto á legalidade vixente, obriga a reclamar as cantidades adebedadas –dixo, en alusión ao IVE-, e que debera obrigar a atender esa reclamación con dilixencia”, lembrando que, nos últimos días tense demostrado, co desacordo manifestado tamén pola inmensa maioría das comunidades, que a demanda de Galicia non está inspirada polo egoísmo nin polo partidismo.“Galicia reclama a débeda porque somos parte integrante do Estado, non porque queiramos destruílo ou abandonalo, senón porque cremos no rigor e o practicamos, como se demostra nas avaliacións relativas ao déficit, á débeda e ao equilibrio orzamentario”, explicou.

O titular da Xunta referiuse ás inquedanzas que proceden da Unión Europea, unha vez consumada a saída do Reino Unido. Sobre este punto, destacou a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como exemplo de que galegos e portugueses estamos dando unha resposta ao dilema europeo moi diferente á do Brexit, encamiñada a consolidar un espazo común no que reine a confianza.

Feijóo concluíu felicitando ao premiado Grupo Gadisa que, presente nos campos da distribución, na industria forestal, na enerxía e a loxística, combina unha fortes raíces na terra cunha notable capacidade exportadora. “Estamos a falar dun modelo de grupo integrado e flexible que ademais se sitúa entre os primeiros empregadores da comunidade, con máis de 8.400 traballadores”, dixo, resaltando tamén a súa faceta cultural que se manifesta no respaldo ao Xacobeo.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre