Inicio Galicia Feijóo refírese ao rural como unha peza clave da Galicia Calidade que...

Feijóo refírese ao rural como unha peza clave da Galicia Calidade que amparará os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas ofrecendo un valor engadido a estas producións

0

Asevera que facer do rural galego un rural vivo, emprendedor e con servizos é un obxectivo que convoca a todos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao rural como unha peza clave da Galicia Calidade, un selo que amparará os produtos derivados das razas gandeiras autóctonas galegas ofrecendo así un valor engadido a estas producións.

Durante o acto de entrega do XX Premio Aresa de desenvolvemento rural, Feijóo destacou a importancia de actos coma este para coñecer e recoñecer as iniciativas e proxectos que se están a desenvolver e que proban que o rural é tamén sinónimo de oportunidades. Non en van, a asociación galardoada Asoporcel, que comezou a súa andaina en 1999, conta hoxe con 135 socios e máis de 3.000 cabezas de gando porcino de raza celta, o que lle permite unha facturación de máis dun millón de euros.

Ao respecto, incidiu na importancia das razas autóctonas, que representan unha riqueza xenética, desde o punto de vista da biodiversidade biolóxica; son un patrimonio inmaterial de Galicia; e supoñen unha oportunidade para as novas ganderías extensivas e de produción ecolóxica, ao tratarse de razas cunha enorme adaptación ás condicións climáticas da Comunidade.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta aseverou que facer do rural galego un rural vivo, emprendedor e con servizos é un obxectivo que convoca a todos, valorando as iniciativas que xa están a levar a cabo concellos como A Veiga, Parada de Sil ou Cervo –premios á Dinamización Demográfica 2019- para atraer novos veciños.

Así mesmo, referiuse a outras iniciativas que se están a desenvolver en colaboración coas administración locais e coas comunidades de montes para, por exemplo, poñer en valor os pastos, un proxecto que permite recuperar recursos naturais, previr os lumes forestais e garantir a rendibilidade das explotacións agrogandeiras.

Sobre este punto, Feijóo destacou que estes obxectivos atópanse tamén noutros proxectos como o encamiñado á recuperación de aldeas, unha actuación que permitirá, por exemplo, que en Trascastro (O Incio) se poña en marcha unha explotación de gandaría en extensivo de vacas cachenas, que vai ser traballada de forma ecolóxica.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre