Inicio Galicia Feijóo refírese á Galicia do século XXI como unha síntese de galeguidades...

Feijóo refírese á Galicia do século XXI como unha síntese de galeguidades individuais que aportan e engrandecen o conxunto

0

Di que ese concepto aberto da identidade, que noutro tempo serviu para que algúns nos situaran nunha especie de segunda división das nacionalidades históricas, hoxe nos faculta para unha convivencia máis firme e unha unidade máis sólida

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe á Galicia do século XXI como unha síntese de galeguidades individuais que aportan e engrandecen o conxunto.“O ser de Galicia está fundamentado na liberdade. Non hai unha idea de Galicia que se impoña ou á que debamos adaptarnos para ter a consideración de bos galegos”, dixo, asegurando que ese concepto aberto da identidade, que noutro tempo serviu para que algúns nos situaran nunha especie de segunda división das nacionalidades históricas, hoxe nos faculta para unha convivencia máis firme e unha unidade máis sólida.

Durante o acto de entrega dos Premios Serenidade 2019-Radio Galicia, Feijóo quixo felicitar aos organizadores destes galardóns que resaltan que a nosa Comunidade é un pobo cheo de talento e virtudes cívicas, referíndose así á traxectoria da premiada Ana Peleteiro, “que nas pistas de atletismo representa a Galicia, a España, e tamén ás mulleres que nunca se renden nin no deporte nin na vida”; e ao labor da fiscal Pilar Fernández, “na que a violencia de xénero ten un adversario implacable que loita contra os agresores e verdugos e, tamén, contra procesos complexos nos que a muller precisa de empatía”.

Sobre este punto, Feijóo aproveitou o acto para resaltar que, nos últimos tempos ademais, esa loita na que ninguén pode ser neutral, vese cuestionada por quen negan a existencia deste tipo de violencia desde posicións intolerantes, “que desde aquí rexeito e denuncio”.

Así mesmo, destacou o traballo asistencial de Cáritas e o seu esforzo por mostrar realidades incómodas que necesitan un portavoz teimoso que nunca descansa. “Cáritas é un sentinela sempre atento contra vellas e novas formas de exclusión e intolerancia, que nos avisan de que o Estado do Benestar sempre estará incompleto mentres haxa pobres, marxinados e excluídos”, abundou.

No tocante ao Auditorio de Galicia, Feijóo recordou que foi un dos primeiros símbolos da Compostela moderna, “onde soa a mellor música cos mellores intérpretes”. En relación ao Son do Camiño, expresou o convencemento de que “volverá ser o punto de partida, o pórtico, da cita xacobea de 2021”. E, por último, subliñou que é a creatividade publicitaria “honesta e seria” a que fixo a BapConde acredora do galardón como mellor axencia independente española.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención incidindo en que actos coma este proban que a Galicia de hoxe é unha terra fecunda que está construíndo o seu propio modelo de convivencia, e demostrando que a súa maneira de ser é axeitada para promover grandes historias persoais e colectivas.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre