Inicio Galicia Feijóo refírese a Galicia como un exemplo de democracia sólida e "sostible"...

Feijóo refírese a Galicia como un exemplo de democracia sólida e "sostible" grazas a un pobo impregnado de valores democráticos e aos seus gobernos cun galeguismo aberto e integrador

0

Asevera que a existencia dunha Galicia compartida e non dividida impide que se caia na tentación de buscar fóra modelos que temos dentro: “É un modelo que Galicia hoxe estea falando dos orzamentos que a Xunta vai aprobar mañá”, di


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Galicia como un exemplo de democracia sólida e “sostible” grazas a un pobo e un tecido social que están impregnados de valores democráticos e a todos os gobernos que tivo, de distintas cores políticas, que non teimaron en impoñer visións cativas senón un galeguismo aberto e integrador.

Durante o acto de entrega do LXI Premio Fernández Latorre ao Museo do Pobo Galego, Feijóo lembrou que o feito de que Galicia non sexa un terreo propicio para radicalismos dun e doutro signo, ten unha explicación social: que Galicia xa era unha democracia “natural” antes de converterse en democracia “legal”.

Para o responsable do Goberno galego este feito determina que haxa, amén das institucións, unha chea de lugares de encontro, de salas de estar onde os galegos de diferentes opinións fan cousas xuntos. Lugares como o hoxe premiado Museo do Pobo Galego que, desde a súa creación en 1976, vén sendo unha das manifestacións do galeguismo integrador “que os devanceiros nos legaron e que nós procuramos engrandecer”.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico aseverou que a existencia dunha Galicia compartida e non dividida impide que se caia na tentación de buscar fóra modelos que temos dentro. “É un modelo que Galicia hoxe estea falando dos orzamentos que a Xunta vai aprobar mañá”, dixo, ao que engadiu que é un modelo que “máis que nunca, nestes días, creo que debemos reivindicar”.Á luz de sucesos que están ensombrecendo unha das democracias do mundo máis consolidadas en menos tempo, Feijóo subliñou que os galegos ofrecen o seu exemplo aos que dubidan da eficacia das ferramentas democráticas. “Galicia érguese e anda coa democracia e non deixaremos de coidala nunca”, abundou, reivindicando o modelo galego.

O presidente da Xunta concluíu aseverando que as imaxes que lamentablemente se están a ver estes días serven para recordar que a democracia non está asegurada e ten que ser defendida de forma permanentemente fronte aos que violentan as regras básicas da convivencia.“A democracia é a fórmula idónea para abordar os problemas máis complexos de calquera sociedade. Require, pois, dunha disposición constante e, igualmente, dunha valentía para adoptar as decisións sen buscar ningún escapismo”, afirmou, incidindo en que a democracia precisa de coidados constantes, cautelas e vixilancias para que en cada momento que se sinta ameazada teña a resposta axeitada.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre