Inicio Galicia Feijóo refírese á excelencia dos produtos galegos como a mellor carta de...

Feijóo refírese á excelencia dos produtos galegos como a mellor carta de presentación para consolidar Galicia como destino internacional

0

Invita os participantes neste evento a visitar a Comunidade e coñecer un novo significado de hospitalidade e excelencia

Logo de participar no foro de investimento, o presidente da Xunta continuou a xornada asistindo ao Encontro gastronómico con Galicia, onde se referiu á excelencia dos produtos galegos como a mellor carta de presentación para consolidar Galicia como destino internacional, cunha oferta única en paisaxes e patrimonio.

Durante o evento, Feijóo invitou os participantes a visitar a Comunidade e coñecer un novo significado de hospitalidade e excelencia. “Queremos que veñan, que nos visiten e que descubran as raíces de moitos mexicanos. Que descubran as nosas máis de 130 festas populares; que experimenten a introspección e reflexión que facilita o Camiño de Santiago; que coñezan os motivos que levaron a Galicia a bater o seu récord histórico de turistas, que en 2017 foron máis de cinco millóns; e que se deixen atender polos magníficos profesionais dos nosos balnearios e hoteis”, abundou.

Así mesmo, salientou que durante os vindeiros días os asistentes a este evento poderán comprobar en primeira persoa o talento dos cociñeiros e sumilleres da Comunidade, así como a calidade dos produtos galegos. “E dúas gastronomías en aparencia tan distantes entre si daranse a man durante este encontro, grazas a excelentes profesionais de ambos lados do Atlántico”, dixo, incidindo en que as nove rutas do Camiño e o encanto da cociña galega son xa razóns de peso para que os asistentes se sumen aos case 20.000 mexicanos que o ano pasado se deixaron seducir por Galicia.

Neste sentido, o presidente da Xunta destacou que a Comunidade ofrece aínda moito máis: 1.600 quilómetros de costa, con praias, rías e portos de recoñecida calidade; 6 parques naturais e cerca de 700 bens de interese cultural; e máxima calidade na atención turística, sendo a primeira Autonomía de España en número de distincións á calidade turística. Ademais dos 11 restaurantes con Estrela Michelin e outros 22 que xa están incluídos nesta prestixiosa guía e están esperando pola súa estrela.

Feijóo quixo tamén resaltar o paralelismo entre México e Galicia reflectido nos só pola busca constante da excelencia na atención turística, de xeito que calquera visitante se poida sentir como na casa. Senón tamén polo termalismo, “que aquí se desfruta sobre todo en Guanajuato e, na nosa Comunidade con máis de 300 mananciais, sendo a segunda potencia termal de Europa”.

E Galicia parécese a México ademais polo seu impoñente patrimonio; xa que, ao igual que o estado de Querétaro, a Comunidade ofrece catro bens declarados Patrimonio da Humanidade: tres rutas do Camiño de Santiago, o centro histórico de Santiago e dúas xoias romanas como a Torre de Hércules na Coruña e a Muralla de Lugo. “E a esta lista sumaranse dúas candidaturas máis que xa están en marcha: Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra”, concluíu, facendo fincapé en que estes intercambios sociais e culturais, lonxe de diluír a identidade de ambos os territorios, a reforzan. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre