Inicio Galicia Feijóo recorda que Galicia ten unha renda de inclusión desde hai case...

Feijóo recorda que Galicia ten unha renda de inclusión desde hai case 30 anos e pide que sexan as comunidades as que xestionen o ingreso mínimo vital

0

Expresa o seu desacordo cos “volantazos” que, ao longo das últimas semanas, se sucederon no seu deseño e pide que non se entre nunha discusión que afonda na desigualdade entre os cidadáns


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe que sexan as comunidades as que xestionen o ingreso mínimo vital para garantir que chegue con axilidade ás familias que peor o están a pasar. Nesta liña, recordou que Galicia ten unha renda de inclusión social desde hai case 30 anos: “Temos experiencia de xestión, temos profesionais públicos e estamos xestionando as pensións non contributivas que están financiadas con cargo ao Estado”, aseverou.

O titular do Executivo galego expresou o seu desacordo cos “volantazos” que, ao longo das últimas semanas, se sucederon no seu deseño, afirmando que non é respectuoso que se xogue coas prestacións de primeira necesidade que están destinadas a todos os españois, vivan na comunidade autónoma que vivan.“Non é razoable que agora rompamos un sistema que queremos construír igual para todos dando a tres comunidades a xestión da renda, e impedindo ao resto das comunidades que a xestionen e que ademais anulen as rendas que viñan aplicando e xestionando, no caso de Galicia nos últimos 29 anos”, recalcou, pedindo que non se entre nunha discusión que afonda na desigualdade entre os cidadáns.

Durante a duodécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo pediu tamén certezas no ámbito educativo para o próximo curso. “Díxosenos que habería unha conferencia de presidentes exclusiva para retomar os temas de educación e lamentablemente esta non se produciu”, aseverou, considerando que non é razoable esta ausencia do Goberno no eido educativo, tanto en materia de escolas infantís, como en relación á educación primaria e secundaria, á formación profesional e á universitaria.

Preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de CostasO presidente galego manifestou tamén a súa preocupación por Alcoa e polas industrias afectadas pola Lei de Costas. “Se imos recibir fondos da UE para relanzar a economía e para axudar a sectores que están nunha situación moi delicada, sería un gravísimo erro que estes non se aplicasen ás industrias e que deixemos esmorecer industrias que son claves para Galicia e para España”, dixo, urxindo ao Goberno central que fixe un prezo da enerxía competitivo.“Non ten ningún sentido que unha actividade considerada esencial durante a pandemia se deixe pechar”, abundou, incidindo en que sería inaceptable que se perdan empregos polo deixamento do Goberno de España durante meses.

Así mesmo, trasladou a inquedanza que están a vivir centos de empresas que en Galicia se dedican aos eventos festivos: “Orquestras, empresas de pirotecnia, negocios ambulantes… precisan saber que vai ser deles nas próximas semanas e meses”, dixo, precisando ademais que os concellos necesitan contar cunhas instrucións claras sobre cando se poden celebrar estes eventos e en que condicións de seguridade.

Máis alá de que se concreten os criterios de reparto dos 16.000 millóns de euros comprometidos e logo de que a Unión Europea fale xa dunha bolsa de recursos para afrontar a pandemia de 750.000 millóns de euros, dos cales 140.000 lle corresponderían a España, Feijóo trasladou a necesidade de articular un novo fondo para as comunidades autónomas. Non en van, recordou que as administración autonómicas están sostendo o 50% do gasto público, o 100% do gasto sanitario e boa parte do gasto educativo e de servizos sociais.

O presidente da Xunta pediu ademais ao Goberno que defina un plan de rebrote a nivel nacional que, baixo un criterio común, permita dar unha resposta coordinada e eficaz. Sobre este punto, confirmou que, pola súa banda, o comité clínico de expertos sanitarios de Galicia aprobou hai semanas un plan de actuación no caso de que se dea algún rebrote na Comunidade.

Ademais de insistir en pedir a mobilidade entre as provincias galegas, que están na mesma fase, Feijóo referiuse tamén a importancia de retomar o paso da ponte en Ribadeo, “para poder conectar esa parte de Galicia con esa parte de Asturias”, así como a mobilidade transfronteiriza co Norte de Portugal.“E plantexamos que non se adiante a mobilidade entre comunidades que se atopan en distinta fase”, expuxo, ante a preocupación dalgún concellos que comezan a notar a presenza de persoas procedentes doutras autonomías.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre