Inicio Galicia Feijóo recorda aos numerosos médicos implicados na andadura autonómica e a súa...

Feijóo recorda aos numerosos médicos implicados na andadura autonómica e a súa contribución a que o noso autogoberno se entenda como algo próximo e destinado a restablecer a ?saúde? cívica

0

Afirma que Galicia era entón, e ségueo sendo agora, un organismo que debe o seu vigor á harmonía entre os seus compoñentes e á súa capacidade de adaptación

Madrid, 5 de decembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recordou hoxe aos numerosos médicos implicados na andadura autonómica e a súa contribución a que o noso autogoberno se entenda como algo próximo e destinado a restablecer plenamente a “saúde” cívica de Galicia.“Existe unha intensa relación entre a profesión médica e a autonomía de Galicia. A nómina de médicos vinculados ao nacemento do autogoberno, ben como impulsores da causa galega ou ben como participantes activos e directos no ámbito institucional, é moi extensa”, dixo, lembrando que o presidente Xerardo Fernández Albor era médico exercente, tamén “foron médicos os que alimentaron os cenáculos culturais onde permaneceu viva a chama da galeguidade, e médico foi Alfonso Rodríguez Castelao, un dos pais fundadores do galeguismo”, precisou, referíndose ademais a Roberto Novoa Santos, célebre investigador e pensador, que tivo participación singular nos acontecementos culturais e políticos do seu tempo.

Durante o acto no que recibiu a Insignia de Ouro 2019 da Asociación de Médicos Gallegos (Asomega), o titular da Xunta subliñou que Galicia era entón, e ségueo sendo agora, un organismo que debe o seu vigor á harmonía entre os seus compoñentes e á súa capacidade de adaptación.“Non só evitamos que a galeguidade sexa motivo de división ou catalogación discriminatoria, senón que abrimos de par en par as nosas portas a todo o que queira compartir con nós a súa vida ou unha parte da súa vida”, afirmou, incidindo en que nesa forma de entender o autogoberno, cuxa lexitimidade nace da nosa Constitución, inflúen numerosos factores entre os que figura o influxo da profesión médica no feliz parto da Galicia contemporánea.

Ao fío disto, nomeou a Asomega como exemplo desta lectura ampla e integradora do que significa ser galego e gabou a súa achega a que Galicia sexa unha comunidade sen ferrollos, que nin ten fronteiras, nin quere telas. “Basta con acudir ás biografías de Julio Ancochea, Inmaculada Ramos e Melchor Álvarez de Mon, presidente, vicepresidenta e vicepresidente respectivamente desta asociación”, precisou.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención agradecendo a insignia coa que esta asociación premia “a unha autonomía –aseverou- que intenta levantar un modelo de convivencia harmónico, entre os seus cidadáns e cos pobos que a rodean”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre