Inicio Galicia Feijóo proporá a Javier Fernández e Juan Vicente Herrera para recibir a...

Feijóo proporá a Javier Fernández e Juan Vicente Herrera para recibir a Medalla de Ouro de Galicia

0

Trasladará esta proposta para a súa aprobación no Consello da Xunta do vindeiro xoves

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, proporá que as persoas galardoadas neste 2019 coa Medalla de Galicia, na súa categoría de ouro, sexan os presidentes do Principado de Asturias e de Castela e León, Javier Fernández e Juan Vicente Herrera, respectivamente.

Feijóo trasladará esta proposta ao Consello da Xunta do vindeiro xoves para a súa aprobación. A entrega da distinción realizarase, como é tradición, o vindeiro 24 de xullo nun acto solemne.

A traxectoria de ambos os dous ao servizo dos cidadáns pon de manifesto que o entendemento entre diferentes administracións e gobernos non só é posible, senón que é necesario para buscar solucións comúns a problemas e oportunidades que comparten Galicia, Asturias e Castela e León, como a aposta polo Corredor ferroviario do Noroeste, que conecta os portos da fachada atlántica co interior e co resto de Europa.

Ambos presidentes comprenderon que o reforzo do Corredor ferroviario do Noroeste cos investimentos necesarios é fundamental para vivir nunha España equilibrada e mellor vertebrada tanto no Noroeste como cara a Portugal, onde todos –con independencia do lugar no que vivamos– dispoñamos das mesmas oportunidades e dos mesmos servizos. Os dous sempre cultivaron unha política que aposta pola suma e non pola resta, unha política a favor de todos e en contra de ninguén.

Javier Fernández e Juan Vicente Herrera defenderon durante os seus mandatos a idea dunha España equilibrada non só no que ao Corredor Ferroviario do Noroeste se refire, senón tamén con respecto ao financiamento autonómico, que debe ser multilateral e xusto.

Con eles como presidentes, Galicia, Asturias e Castela e León defenderon xuntas un modelo territorial que se basee no respecto á Constitución e, sobre todo, no principio de igualdade de todos os españois, que garante que todos teñan os mesmos dereitos independentemente do lugar no que vivan.

Tamén amosaron o seu compromiso con outro reto que comparte o noroeste español, que é o problema demográfico. As tres comunidades padecemos o problema demográfico, polo que cómpre unirnos para poñer este desafío na axenda política nacional e buscar solucións comúns.

Javier Fernández e Juan Vicente Herrera son, en definitiva, defensores do Estado das Autonomías porque comprenden que fortalece o Estado en lugar de debilitalo.

Ambos os dous recibirán o próximo 24 de xullo a Medalla de Ouro de Galicia en recoñecemento ao seu compromiso cos retos comúns do Noroeste español e a súa aposta pola lealdade institucional e o consenso. Grazas a eles, a que antepoñen os intereses xerais a calquera outro, o Noroeste español é hoxe máis forte.

Javier FernándezJavier Fernández Fernández naceu en Mieres en 1948. Enxeñeiro de Minas pola Escola Técnica Superior de Oviedo e diplomado en Calidade Ambiental, é funcionario de carreira do Corpo Especial de Enxeñeiros de Minas desde 1984.

Foi director xeral de Minaría e Enerxía do Goberno de Asturias entre 1991 e 1995; deputado no Congreso desde 1996 ata 1999; e conselleiro de Industria, Comercio e Turismo en 1999. Ademais, foi senador en representación da Comunidade Autónoma polas lexislaturas VII e VIII. En 2012 foi investido presidente do Principado de Asturias.

Juan Vicente HerreraJuan Vicente Herrera naceu en Burgos en 1956. Estudou Dereito na Universidade de Navarra, exerceu como avogado entre 1987 e 1992 e foi deputado pola provincia de Burgos nas Cortes de Castela e León desde 1995 ata este mesmo ano.

Iniciou a súa carreira política como secretario xeral da Consellería de Economía e Facenda da Junta de Castela e León en 1992, función que desempeñou ata 1995. En 2001 foi investido presidente da Junta de Castela e León, cargo que revalidou catro mandatos sucesivos máis.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre