Inicio Galicia Feijóo ofrece novamente ao Goberno central a experiencia da Comunidade para xestionar...

Feijóo ofrece novamente ao Goberno central a experiencia da Comunidade para xestionar de forma rápida o ingreso mínimo vital

0
image_gallery.jpg

Lembra que neste momento esta prestación só está a chegar ao 10% do total das persoas que terían dereito a ela


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, incidiu hoxe na necesidade de sumar o traballo e o compromiso de todas as institucións, públicas e privadas, para facer fronte á pandemia e puxo novamente a disposición do Goberno central a experiencia da Comunidade para xestionar de “forma rápida e axeitada” o ingreso mínimo vital que, segundo lembrou, neste momento só está chegando ao 10% do total das persoas que terían dereito a esta axuda.“Levamos moito tempo xestionando este tipo de prestacións, como facemos coa Risga, e nos gustaría poder axudar para que as persoas que teñen dereito ao ingreso mínimo vital o poidan percibir no menor tempo posible”, aseverou, durante unha visita ás obras de rehabilitación do edificio da Cociña Económica en Ferrol.

Co obxectivo de que nesta crise ninguén quede atrás, Feijóo recordou que “desde a Xunta aprobamos primeiro un Plan social de continxencia, destinado a parar o primeiro impacto da crise, e despois un Plan de recuperación social de máis de 60 millóns, para facilitar que os fogares máis vulnerables puidesen superar esta situación”.

Sobre este último punto, salientou que esta iniciativa permitiu a posta en marcha da Tarxeta básica, unha axuda trimestral de entre 450 e 900 euros para adquirir produtos de primeira necesidade e da que se benefician máis de 6.000 familias; a axilización e flexibilización dos trámites da Risga, da que se beneficiaron 1.600 persoas máis; ou o incremento do 50% na partida de Axudas de inclusión social, co que se atenderon as necesidades urxentes de 1.200 novos beneficiarios.

Feijóo aproveitou a visita para destacar e agradecer o compromiso dos profesionais e voluntarios da Cociña Económica en Ferrol, unha entidade que cumpre 129 anos de existencia e que tan só en 2019, serviu 60.000 racións de comida a máis de 600 persoas.

Ao respecto apelou aos principios de solidariedade e xenerosidade que sustentan esta institución, garantindo o compromiso do Goberno galego coas entidades sociais. Así, salientou que na última década a Xunta investiu un millón de euros en mellorar as instalacións da Cociña de Ferrol, coa reforma da cuberta, a compra de desfibriladores, a reforma da instalación eléctrica ou o pintado da fachada.

Feijóo concluíu anunciando que nas vindeiras semanas reunirase co alcalde da cidade para avaliar a situación económica da comarca e, especialmente, do naval. “Unha xuntanza para priorizar as cuestións máis importantes desta lexislatura e para poñer data ao traballo que non temos no estaleiro público de Ferrol”, dixo, incidindo en que se o sector naval non funciona, a comarca tampouco.

Pola súa banda, o presidente da xunta directiva da Cociña Económica de Ferrol, Antonio Tostado Naveiras, agradeceu o apoio do Goberno galego no proceso de rehabilitación do edificio e o compromiso coa labor que realiza esta entidade, un apoio, recalcou, que se incrementou desde a pandemia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre