Inicio Galicia Feijóo lembra a importancia de saber transmitir e deixar un legado da...

Feijóo lembra a importancia de saber transmitir e deixar un legado da nosa cultura ás vindeiras xeracións de galegos

0

Recoñece e agradece que o músico Juan Durán, que é funcionario público, “leva investida boa parte da súa vida e enormes doses de talento e traballo en fornecer a Galicia dun legado musical duradeiro”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, lembrou hoxe a importancia de saber transmitir e deixar un legado da nosa cultura ás vindeiras xeracións de galegos. “Non debo deixar de recordar a importancia da cultura como un vehículo para acadar a prosperidade”, expresou.

Fíxoo durante a Sesión Extraordinaria Pública da Real Academia Galega de Belas Artes, na que ingresou como académico de número de Juan Durán, un músico ao que Feijóo puxo como exemplo da transmisión de valores: “Leva investida boa parte da súa vida e enormes doses de talento e traballo en fornecer a Galicia dun legado musical duradeiro, algo que convén recoñecer e agradecer”, incidiu.

Un agradecemento que estendeu aos músicos galegos, en xeral, e aos compositores e intérpretes da música culta, en particular, “tanto pola dificultade que ten acadar a excelencia neste eido, como polo esencial da función que xogan na sociedade”, aseverou.

Nesta liña, o titular do Executivo autonómico salientou que a Comunidade ten vivido durante as últimas décadas un proceso de progresiva maduración, consolidación e enriquecemento colectivo, tanto da nosa creación culta, como do nivel medio dos nosos músicos. “E iso ten sido posible grazas a profesionais como Juan Durán”, dixo, e engadiu sobre el que “soubo da importancia de empeñarse e comprometerse para crear as mellor condicións posibles para esa aprendizaxe”.

Durán, ademais de autor de pezas que chegan a auditorios de todo o mundo, é funcionario público. Como subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial “ten feito moito polo ensino musical na nosa terra”, aseverou Feijóo, e por iso esta Academia “recoñece a excelente traxectoria deste querido músico e compositor”.

Así mesmo, nunha semana na que o Museo do Prado chegou ao seu segundo centenario, o presidente da Xunta recordou que a Real Academia Galega das Belas Artes vén de cumprir 170 anos, que xustifican, abundou, a importancia destas institucións na nosa sociedade. O mesmo que o Museo das Belas Artes no que se celebrou o acto.

Por iso, incidiu Feijóo, o Goberno galego apoiará á Academia –unha institución que depende da Xunta desde 1984-, a través dos orzamentos da Consellería de Cultura e Turismo, cunha partida para 2020.“Non debemos desbotar as novas tecnoloxías, pero tampouco empregalas como substitutas: deben ser ferramentas. Estou seguro de que todos os que representades a cultura, e coa axuda dos que a apoiamos e desfrutamos, as xeracións máis novas, e tamén as demais, descubrirán o que hai máis alá da pantalla, que é moito”, concluíu.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre