Inicio Galicia Feijóo enxalza a figura de Luis Seoane que forma parte desa xeira...

Feijóo enxalza a figura de Luis Seoane que forma parte desa xeira de creadores que alumearon a Galicia moderna cunha mestura de ideas na que a tradición e a modernidade formaron un todo

0

Asevera que en cada obra de Seoane hai un lugar onde todos os galegos poden sentir xuntos e experimentar xuntos o mesmo orgullo de compartir veciñanza cun artista cuxa relevancia traspasa todas as fronteiras

A Coruña, 1 de abril de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, enxalzou hoxe a figura de Luis Seoane que forma parte desa xeira de creadores, dixo, que alumearon a Galicia moderna cunha mestura de ideas na que a tradición e a modernidade formaron un fermoso todo.

Durante os actos do Día das Artes Galegas 2019, Feijóo aseverou que en cada obra de Seoane hai un lugar onde todos os galegos poden sentir xuntos e experimentar xuntos o mesmo orgullo de compartir veciñanza cun artista cuxa relevancia traspasa todas as fronteiras. “Se Galicia renace como un país unido e non fragmentado débese en boa medida a ese nexo comunitario que forman as artes. Cada pincelada de Seoane, cada palabra escrita, cada ilustración ou proxecto cultural, son fíos que tecen a gran Irmandade galega”, abundou.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta recordou que ese feixe de ideas formadas na emigración e no exilio, viaxan da Galicia americana á europea nun momento crucial no que a democracia esperta e o autogoberno deixa de ser ilusorio grazas á Constitución española. “Ao redor de libros, obras plásticas e movementos culturais que forman o miolo da galeguidade, faremos despois leis, institucións e ordenamentos”, sinalou, incidindo en que a inspiración, o impulso vital, os alicerces máis fondos, as raíces, están no legado de figuras como Luis Seoane.

Nesta liña, aseverou que esa opción pola creación artística como semente dunha Galicia nova resulta transcendental para entender o que somos hoxe, “porque a arte –lembrou- ten a virtude de agrupar, comunicar e dialogar”.

O responsable do Executivo autonómico concluíu facendo fincapé en que se Galicia non ten que elixir entre manter a súas orixes e avanzar, débese á cultura, a un mundo artístico integrador e vangardista. “Estar no século XXI e ser século XXI non require o sacrificio das herdanzas recibidas dos devanceiros. Non temos que simular a nosa galeguidade para asumir o mundo global”, afirmou, asegurando que quizais, Galicia estea mostrándolle a todo o mundo o camiño para evitar que o global acabe co local sen necesidade de erguer muros e fronteiras. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre