Inicio Galicia Feijóo di que a Estratexia Retorna seguirá a ser clave para atraer...

Feijóo di que a Estratexia Retorna seguirá a ser clave para atraer talento e afrontar o reto demográfico e salienta que 2018 foi o ano con maior crecemento do retorno da última década con máis de 7.000

0

Asevera que esta iniciativa, que foi crecendo, conta cun investimento global, espallado por todos os departamentos da Xunta, ata 2020, que ascende a 235 millóns

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que a Estratexia Retorna seguirá a ser clave para atraer talento e afrontar o reto demográfico e salientou que o ano 2018 converteuse no quinto consecutivo de crecemento do retorno a Galicia, con máis de 7.000 retornados só neste exercicio –máis do 53%, menores de 45 anos-, a mellor cifra da última década.

Durante o acto inaugural do XII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, Feijóo aseverou que esta iniciativa, que foi crecendo, afecta a todos os ámbitos e conta cun investimento global, espallado por todos os departamentos da Xunta, ata 2020, que ascende a 235 millóns, para desenvolver medidas específicas e máis de 220 transversais.

Ademais de confirmar que o 100% destas medidas xa están en marcha, o titular do Goberno galego quixo destacar máis polo miúdo o éxito de participantes en iniciativas como as Becas excelencia mocidade exterior que conseguiron que, nos anos 2017, 2018 e 2019, arredor de 350 mozos galegos do exterior obtiveran unha bolsa para cursar un mestrado nunha universidade galega.“No que vai de lexislatura retornaron máis de 18.200 persoas e o obxectivo do Retorna 2018-2020 é incrementar o número nun 50% para conseguir o regreso de máis de 20.000 galegos ata o ano que vén, dos cales un 60% que sexan menores de 45 anos”, explicou, asegurando que para acadar esta meta, a Xunta acompañará ao retornado en todo o proceso de regreso a Galicia, para conseguir que sexa a súa mellor opción para vivir.

Sobre este punto, subliñou un incremento do 40% nos orzamentos de 2020, para axudas específicas de cara á facilitar o retorno de galegos do exterior e que xa facilitaron a apertura de case 190 iniciativas empresariais na Comunidade, desde a súa posta en marcha. E, resaltou a ampliación da Oficina integral de asesoramento e seguimento ao retorno, que acompaña a todos os interesados nese camiño.

Así mesmo, valorou tamén que este Consello de Comunidades Galegas conta, por primeira vez, cun relatorio sobre retorno, “unha decisión histórica”.

Neste obxectivo de construír unha Galicia do século XXI, na que os galegos de todo o mundo teñan un papel fundamental, o presidente da Xunta aseverou que o labor das comunidades galegas no exterior é esencial, como maiores e mellores embaixadores de Galicia.

Feijóo aproveitou a celebración deste pleno para avalar o compromiso cos galegos do exterior e co legado que as comunidade inspiraron, a través da Estratexia emigración 2020: garantindo a cobertura socioasistencial aos galegos que residen no exterior, tal como fixeron as entidades cos seus membros, e como proba o feito de que, hoxe, miles de galegos son atendidos anualmente grazas ás axudas directas e aos convenios firmados con entidades galegas e españolas.

Ao fío deste asunto, precisou que, nos últimos tres anos o Executivo autonómico destinou máis de 31 millóns á emigración, dos que o 60% se centraron en políticas sociais, chegando a 200.000 galegos no exterior.

E, no eido cultural, destacou a posta en marcha de programas como o Conecta con Galicia, para construír vínculos mirando ao futuro, e do que se beneficiaron en tres décadas máis de 9.000 mozos procedentes de 20 países.

O presidente da Xunta concluíu resaltando a importancia da celebración do Consello de Comunidades galegas, que contribúe, dixo, a que a galeguidade sexa un vínculo aberto á suma e en constante diálogo. “Este Consello, esta gran cita da Galicia universal, representa unha globalización sa, capaz de tecer os destinos e as identidades de moita xente sen que iso supoña un agravio ou un conflito”, abundou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre