Inicio Galicia Feijóo destaca unha achega total de máis de 26 millóns de euros...

Feijóo destaca unha achega total de máis de 26 millóns de euros para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da covid-19 nos centros educativos e nas universidades

0

Salienta a creación da Reserva de Garantía Educativa, para a dotación e adquisición de material vencellado á prevención do risco sanitario, como máscaras hixiénicas para o alumnado máis vulnerable e máscaras cirúrxicas para eventualidades

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, unha achega total de 26,5 millóns de euros para facer fronte ás necesidades de seguridade e hixiene derivadas da covid-19 nos centros educativos e nas universidades.

No que atinxe aos centros educativos públicos, Feijóo aseverou que a Administración autonómica inxectará 23,5 millóns de euros, unha achega que supón un incremento do 42% dos recursos que a Consellería de Educación pon á disposición dos centros.

Dentro destes fondos, salientou a creación da Reserva de Garantía Educativa, para a dotación e adquisición de material vencellado á prevención do risco sanitario, como máscaras hixiénicas certificadas para o alumnado máis vulnerable economicamente –seguindo os estándares do sistema de gratuidade solidaria de libros de texto- e máscaras cirúrxicas para eventualidades, ademais de equipamento para cumprir coas medidas de illamento ante sospeita de síntomas compatibles co coronavirus –batas desbotables, máscaras FFP2, pantallas faciais reutilizables, hidroxel, luvas, mamparas e produtos desinfectantes-.“Imos seguir apoiando ás familias con menos recursos para que poidan compaxinar a protección e hixiene máximas coa posibilidade de ir á escola de forma presencial, que é o obxectivo fundamental de todo o ensino”, sinalou o titular do Goberno galego.

En relación ás universidades, Feijóo aseverou que a Xunta transferirá 3 millóns de euros adicionais para compensar os gastos da adaptación á covid-19.

Sobre isto, explicou que as universidades recibirán unha parte fixa –o 30% do importe total do acordo- e outra parte variable –o restante importe, 70%-, que se divide en función do indicador do custe estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Así, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá algo máis de 1.150.000 euros; a de Vigo, case 1 millón; e a da Coruña, algo máis de 880.000 euros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre