Inicio Galicia Feijóo destaca un novo paso na investigación e especialización no eido universitario...

Feijóo destaca un novo paso na investigación e especialización no eido universitario cun proceso de acreditación pioneiro e con novas axudas para o persoal investigador

0

Subliña que “o obxectivo é acreditar os oito campus especializados da Comunidade con avaliadores externos, coa fin de confirmar que mantemos o nivel de esixencia”


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un novo pulo á investigación e especialización no eido universitario, cun proceso de acreditación pioneiro e con novas axudas para o persoal investigador.

En relación ao proceso de acreditación, Feijóo subliñou que, logo de poñerse en marcha en 2013 o Programa de Especialización dos Campus do Sistema Universitario de Galicia, “o obxectivo é acreditar os oito campus especializados da Comunidade con avaliadores externos, coa fin de confirmar que mantemos o nivel de esixencia de especialización”.

Esta proceso, o primeiro destas características que arranca no conxunto do Estado, “será un proceso aberto no tempo ao que cada universidade se pode presentar cando considere oportuno e que culminará coa sinatura dun convenio dotado economicamente en función da proposta da universidade, así como do informe dos expertos que participarán no proceso”, afirmou.

Sobre este punto, o responsable do Executivo autonómico explicou que se formará un Comité de avaliación, constituído por expertos externos ao Sistema Universitario Galego, encargado de analizar a documentación remitida polas universidades, manter reunións cos responsables dos campus e elaborar os informes de avaliación.

En base a estes informes, resolverase a concesión da acreditación coa cualificación obtida que poderá ser ben para o período 2019-2022 ou para o 2019-2021.

Pola súa banda, o traballo das universidades consistirá en achegar, entre outra documentación, un informe de autoavaliación do plan operativo e un plan de viabilidade económica para o 2019-2022. Durante a rolda de prensa, o titular da Xunta resaltou a autorización, tamén, dun convenio coas universidades para financiar as unidades de apoio á investigación e das oficinas técnicas dos campus de especialización, mentres non completen o proceso de acreditación da especialización que deben implementar.

Para isto, destinaranse máis de 2,2 millóns de euros neste 2019: máis de 1,6 millóns destinaranse ao o reforzo das unidades de apoio á investigación das universidades; e 530.000 euros para o mantemento da gobernanza nos campus de especialización. Novas axudas á etapa posdoutoral do persoal investigadorNeste mesmo eido, Feijóo confirmou que o Consello da Xunta deu o visto e prace á convocatoria de 67 novas axudas á etapa posdoutoral do persoal investigador; 67 novos contratos que se sumarán aos 165 profesionais posdoutorais que están traballando na actualidade en Galicia, ao tempo que existen 339 contratos predoutorais en vigor. “En total suporán un total de 571 investigadores con bolsa posdoutoral ou predoutoral traballando en Galicia”, remarcou.

O programa manterá as dúas modalidades de apoio que xa existían en anteriores convocatorias. Así, da Modalidade A, vinculada á internacionalización e á especialización no estranxeiro, poderanse conceder ata 46 axudas, cun importe máximo de cada axuda de 49.900 euros, que variará en función do país de destino e, ademais, por segundo ano, os bolseiros desta modalidade que presenten un plan de estadías de dous anos en Estados Unidos optarán a contar co apoio da Comisión Fulbright, así como a ter a condición de bolseiros Fulbright —neste caso, como novidade terán unha dotación complementaria de 5.000 euros por ano de estadía–. Dentro da Modalidade B, orientada á apertura de liñas de investigación propias, concederanse un máximo de 21 contratos deste tipo, por un importe total máximo de 49.000 euros. “Un dos obxectivos destas convocatorias é o de diminuír a fenda no ámbito da investigación entre mulleres e homes”, subliñou.

Segunda convocatoria do Programa Talento SéniorO presidente da Xunta referiuse tamén á segunda convocatoria do Programa Talento Sénior. Unha iniciativa que busca impulsar a xeración, retención, atracción e retorno de investigadores doutores e profesionais de alta cualificación con traxectorias consolidadas.

Esta nova convocatoria, cun orzamento ampliable de preto dun millón de euros, ten o obxectivo de facilitar 14 contratacións de persoal con máis de 5 anos de experiencia en I+D+i.

Cómpre salientar que os incentivos para as entidades beneficiarias variarán en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos. E deberán achegar ao profesional que se incorpore ao organismo un salario de, cando menos, 40.000 euros brutos por anualidade.“Somos esixentes neste plantexamento. Só se terán en conta aquelas propostas que acaden unha puntuación mínima do 60 % do total dos puntos establecidos no baremo. Trátase de facer retornar aos mellores, non só de cumprir un número”, abundou.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre